Gauguin, Paul

Gauguin, Paul

Pintor. Traballou na mariña mercante e dende 1872 como axente de bolsa. Comezou a pintar a comezos da década de 1870 e acudía a debuxar á Académie Colarossi. Coñeceu a C. Pisarro e visitou a primeira exposición impresionista de 1874. En 1876 o Salón admitiulle La Seine au pont d’Iéna (1875) e desde 1880 expuxo cos impresionistas. En 1883 a crise bolsista obrigouno a vivir da arte. Durante a súa estancia en Pont-Aven (1886-1888), conviviu con Émile Bernard, Paul Sérusier e outros. Viaxou a Panamá e á Martinica (1887) e pasou uns meses con Van Gogh en Arles (1888), ata que empeorou a saúde mental deste, e despois de residir uns meses en París trasladouse con Sérusier en Le Pouldu, onde gozou da protección de Meier de Haan. Desde 1891 a 1901 residiu en Tahití e despois en Francia (1893-1895), ata que despois dunha tentativa de suicidio se instalou nas Illas Marquesas en 1901. Partindo do impresionismo, foi un dos máis destacados no sintetismo da escola de Pont-Aven. Durante a súa última estancia en Bretaña, inclinouse cara a un primitivismo, entre outras obras en La vision du sermon (1888) e Le Christ jaune (1889), que mantivo ata o final nas súas obras de tema exótico, entre outras, Tahitiennes sur la plage (1891), Nafea, foa ipoipo (1892) e D’où venons-nous?, Qui sommes-nous? Où allons-nous? (1897). A súa obra, superación do impresionismo por unha arte nova vivificada polo achegamento á arte primitiva ou popular e non exenta de simbolismo, influíu decisivamente sobre a arte do s XX, especialmente sobre o Picasso precubista e os expresionistas alemáns. Foi tamén o inspirador do grupo dos Nabis e unha das fontes do fauvismo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : París

  • Deceso

    Lugar : Atuona, Illas Marquesas