Gdańsk
Capital do voivodato de Pomorskie, Polonia, no Báltico, na desembocadura do Vístula (462.120 h [1998]). É unha cidade portuaria, a principal de Polonia e núcleo industrial con estaleiros e industria metalúrxica, química, alimentaria e da madeira. Fundada ao redor do 980, foi a capital da Pomerania oriental. Pertenceu a Polonia e a Dinamarca, tivo unha dinastía independente (1223-1294) e desde 1309 pasou a ser señorío da orde teutónica. En 1361 adheriuse á Liga Hanseática e converteuse nun dos portos bálticos máis prósperos. O Tratado de Thorn (1466) outorgoulla a Polonia, aínda que trala súa conversión ao protestantismo no s XVI enfrontouse á coroa polaca. Cidade moi próspera durante os ss XVI e XVII, foi ocupada por prusianos (1793), franceses (1807), rusos (1813) e novamente por prusianos en 1814. Zona de fricción constante entre Alemaña e Polonia, en 1920 pasou a ser cidade libre baixo o mandato da Sociedade de Nacións. Non obstante , a continua presión do goberno de A. Hitler, ao reivindicar os dereitos alemáns sobre o denominado corredor de Danzig, materializouse o 1 de setembro de 1939 coa súa anexión ao III Reich. Dominada polos alemáns entre 1939 e 1945, arruinada pola Segunda Guerra Mundial e ocupada polos rusos en 1945, foi devolta a Polonia e a súa poboación alemá deportada. En 1970, a folga dos estaleiros de Gdańsk propagouse por todos os portos polacos e desencadeou unha profunda crise de goberno. Unha nova folga dos estaleiros Lenin en febreiro de 1980, deu lugar a unha nova crise que provocou a caída do goberno de E. Gierek no verán de 1980 e o nacemento do movemento sindical independente Solidarność, liderado por L. Walesa. Do seu patrimonio cultural destacan, entre outros, a igrexa de Santa Caterina (s XII), a rúa Mariacka e o guindastre medieval do Zuraw.