Geoffrey de Monmouth
Escritor galés. Foi designado arcediano de Llandaff (1140) e consagrado bispo da sé galesa de Saint Asaph (1152), actual Flintshire. Desenvolveu o seu labor na corte dos monarcas anglonormandos Henrique I Beauclerc e Esteban I de Blois. Foi autor de tres obras que serviron para consolidar a celebridade da materia de Bretaña e do rei Artur por todo o Occidente europeo. Escribiu o opúsculo Prophetiae Merlini (1134?), a Historia regum Britanniae (1138?), crónica dos monarcas que gobernaron na illa de Bretaña ata a derrota dos celtas a mans do saxóns. Para a súa confección tomou como fontes a Xildas, Nennius, Beda, a historiógrafos latinos, así como todas as tradicións dispersas da tradición oral galesa. Ademais, o autor declarou ter empregado como fonte directa un antigo libro escrito en lingua británica, probablemente unha licenza literaria do autor na procura da autoritas. Entre as lendas narradas destaca especialmente a do Rei Artur que consituiría o xerme dos ciclos de novelas medievais. Aparece descrito como un soberano poderoso, que venceu os saxóns, conquistou un grande imperio que abranguía o norte e o centro de Europa e mesmo derrotou as lexións romanas. Esta historia tivo efectos na mitología cultural británica e na literatura de Europa occidental. Tamén se lle atribúe Vita Merlini (Vida de Merlín, 1151?), que recolle as tradicións insulares sobre o tolo dos bosques e presenta a un Merlín ancián que renuncia ao trono de Demecia (Gales) para levar unha vida de eremita nas profundidades do bosque Calidón.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Monmouth -
Deceso
Lugar : Llandaff