Gernika-Lumo
Municipio da provincia de Bizkaia, Euskadi, situado á entrada da ría de Gernika (15.439 h [1996]). É cabeza de partido xudicial e centro dunha rica comarca agrícola e gandeira. Posúe industrias de metalurxia lixeira (ferramentas e accesorios) e de alimentación. Fundada en 1366 polo conde Tello, foi a sede das antigas xuntas de Bizkaia, que se celebraban na ermida a carón do célebre carballo, do que se conservan aínda os restos. Foi bombardeado o 26 de abril de 1937 pola Lexión Cóndor. Do seu patrimonio cultural destacan as pinturas prehistóricas de Santimamiñe, a igrexa de Santa María (ss XV-XVII), o antigo Hospital do Señorío, o convento de Santa Clara (s XV), a árbore de Gernika e a Casa de Juntas (1826-1833), obra de A. de Echevarría e as esculturas Gure Aitaren Etxea (1988) de E. Chillida, e a Large figure in a shelter (1990) de H. Moore.