Gil Gil, Xosé
Fotógrafo e cineasta. Está considerado como un dos pioneiros do cine en Galicia e tamén como o máis destacado dos cineastas galegos ata comezos da década dos trinta. Comezou a súa actividade como fotógrafo en Ourense. A partir de 1904, logo de montar un pequeno estudo en Ponteareas, instalouse en Vigo, onde acadou un enorme prestixio como fotógrafo e traballou para o ABC de Madrid e para a revista Vida Gallega. A súa experiencia neste campo vai facilitar a súa conversión en cineasta tan só tres anos despois. En 1907 coñeceu o exhibidor ourensán Isidro Pinacho, que se instalou en Vigo co negocio do “Palacio de la Ilusión”, e co que colaborará. O primeiro encárgase da parte financeira e Gil, malia posuír outros negocios, como a representación da casa de automóbiles Ford en Galicia, ocuparase do apartado creativo. En 1910, ano no que tamén inaugura unha nova galería fotográfica na rúa do Príncipe, Xosé Gil comezou a filmar en Vigo e arredores as súas primeiras películas documentais. Principiou a rodar por encarga dos emigrantes galegos en América numerosos filmes que amosan as vilas, os costumes, os monumentos, as paisaxes e as xentes da terra, dando deste xeito a coñecer Galicia no estranxeiro a través do celuloide por primeira vez na historia. Tres anos despois rodou e produciu a primeira película de ficción realizada en Galicia, Miss Ledya (1916). Entre os protagonistas do filme figuraba Afonso R. Castelao, no papel dun crego protestante. En 1922, xa plenamente integrado en Vigo, Xosé Gil fundou na cidade a empresa Galicia Cinegráfica que, xunto ao seu “Noticiario de Galicia”, creado seis anos despois, se converteu nunha factoría de produción de películas. Un dos derradeiros grandes proxectos que Gil non puido levar á práctica foi a rodaxe dunha longametraxe documental sobre Galicia. O cineasta tentou conseguir financiamento das deputacións das catro provincias, pero estas decidiron darlle o traballo a Luis R. Alonso que o filmaría, en 1929, co título de Un viaje por Galicia.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Barxa, Rubiós, As Neves -
Deceso
Lugar : Vigo