Gil Perez Conde

Gil Perez Conde

Trobador portugués, de orixe aristocrática. Tío do trobador Rodrigu’Eanes de Vasconcelos e cuñado de Johan Soarez Coelho, hai quen o identifica con Gil Perez Feijó. Algúns investigadores pensan que en 1248 tivo que fuxir a Castela, despois do conflito pola sucesión ao trono portugués entre Sancho II e Afonso III o Boloñes; desde 1269 é vasalo de Afonso X e en 1286 infanzón na corte do seu sucesor, Sancho IV. Na corte castelá relacionouse con Gomez Garcia, Johan Vasquiz de Talaveira e Rodrigu’Eanes Redondo no momento da expedición de Sancho IV a Baiona co gallo de se entrevistar con Filipe IV o Fermoso. As súas cantigas aparecen recollidas na última parte do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (1515-1532); son 16 cantigas de satíricas (6 escarnios persoais, 4 políticos, 2 literarios, 2 de amor, 2 sociais), unha cantiga moral e unha cantiga de amor.