Giner de los Ríos, Francisco
Pedagogo e escritor. Identificouse coas ideas krausistas de Julián Sanz del Río, Fernando de Castro e Nicolás Salmerón. Obtivo a cátedra de Dereito Internacional (1866), pero en 1867 renunciou a ela por solidariedade con Sanz del río, Fernando de Castro e Salmerón, depostos por terse negado a seguir as directrices do ministro Orovio (facer profesión de fe relixiosa, política e dinástica). Volveu ocupar a súa cátedra (1868) e participou na reforma do ensino. Fundou o Boletín-revista de la Universidad de Madrid (1873), principal órgano do pensamento krausista. Coa Restauración foi arrestado (1875) por non acatar as normas do ministro Orovio. De regreso a Madrid, foi un dos fundadores da Institución Libre de Enseñanza (ILE, 1876). O seu ideario educativo pasa polo humanismo liberal e a súa defensa da coeducación e da autonomía e extensión universitaria. O galego Xoán Vicente Viqueira, sobriño de Manuel Bartolomé Cossío, foi alumno seu na ILE; a través da amizade entre Bartolomé Cossío e Giner de los Ríos, este visitou en distintas ocasións Galicia, sobre todo a finais do s XIX e nos primeiros anos do s XX, e contactou coa súa realidade escolar. Escribiu obras sobre filosofía do dereito e traballos pedagóxicos como Estudios sobre educación (1886), Educación y enseñanza (1889), Estudio sobre artes industriales (1892) e Pedagogía universalista (1910). Os seus principais escritos están agrupados en Estudios jurídicos y políticos (1875), Estudios de literatura y arte (1876) e Estudios filosóficos y religiosos (1876).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ronda, Málaga -
Deceso
Lugar : Madrid