Gipuzkoa

Gipuzkoa

Territorio de Euskadi que, administrativamente, constitúe unha provincia (1.997 km2; 676.208 h [1996]). A capital é Donostia.
Xeografía
Limita ao N co golfo de Bizkaia, ao O con Bizkaia, ao S con Araba e ao L con Navarra e Iparralde. Na rexión litoral as montañas chegan ata o mar. As rías son pouco profundas, agás a do Bidasoa, que fai de fronteira con Francia. Na rexión central hai unha serie de ríos á beira dos que se sitúan os principais centros industriais. A rexión sur é a máis montañosa e ten os cumios máis elevados (Aizgorri, 1.554 m). O clima é atlántico con poucas oscilacións de temperatura e con choiva abundante repartida durante todo o ano. En Donostia a temperatura media do mes máis frío é de 7,8°C e a do mes máis cálido 15,1°C. A media de precipitacións anuais é de 1.506 mm. A vexetación é atlántica, con faias, carballos e grande abundancia de prados. A poboación aumentou considerablemente dende comezos do s XX (195.000 h [1900]) a causa do forte crecemento vexetativo e da inmigración. A agricultura está diversificada (cereais, leguminosas, froiteiras e millo) e emprégase, sobre todo, para a obtención de forraxe para o gando bovino. A pesca mantense como unha actividade económica destacada (Pasaia é o principal porto pesqueiro de todo o litoral cantábrico). As industrias predominantes son a metalúrxica, a papeleira, a química e a agroalimentaria. O turismo localízase, sobre todo, no litoral. A rede de estradas e de ferrocarrís ten grande importancia. Ten aeroporto en Hondarribia.
Historia
Sometida ao reino navarro dende comezos do s XI por Sancho III, trala morte de Sancho IV (1076) a metade occidental do territorio guipuscoano pasou a Castela, durante o reinado de Alonso VI, mentres que o resto se incorporou ao dominio de Sancho Ramírez, monarca navarro-aragonés. A partir deste momento os señores de Bizkaia gobernaron Gipuzkoa en nome dos reis casteláns. A organización espacial e social de Gipuzkoa cara ao s XII articulábase ao redor dos vales, circunscricións formadas pola agrupación de aldeas e terras, nas que se asentaba de xeito disperso unha poboación vinculada por lazos de parentesco. Afonso VIII de Castela incorporou definitivamente todo o territorio de Gipuzkoa ao seu reino (1206), co apoio dos novos núcleos de poboación, as “pueblas” guipuscoanas. Malia o seu sometemento aos casteláns, mantívose practicamente independente durante a Baixa Idade Media polo equilibrio de influencias navarras e castelás. Durante os ss XIII e XIV os sucesivos monarcas casteláns apoiaron a creación de vilas, como Hondarribia, Motrico e Zarauz, para contrarrestar a implantación social da nobreza e potenciar o comercio. Como consecuencia, produciuse o desenvolvemento dunha rede urbana litoral e impulsouse a construción dunha rede de camiños. A crise baixo medieval que se reflectiu nos enfrontamentos entre gamboínos e oñacinos (ss XIV-XV) e os enfrontamentos entre os nobres e as vilas, levou á consolidación das vilas pola agregación de poboación rural. Os Reis Católicos enviaron un corrixidor no 1480, pero os guipuscoanos conservaron unha grande autonomía na súa política exterior e asinaron un tratado con Inglaterra (1482). Durante os ss XVI e XVII participou na conquista americana e viviu un período de esplendor apoiado no comercio e na introdución do cultivo do millo, que transformou a economía agraria. Durante o reinado de Filipe V experimentou unha forte crise, que se combinou co traslado das aduanas ás costas e aos Pireneos e co establecemento dun novo réxime fiscal. O establecemento en Caracas da Real Compañía Guipuzcoana (1728) e a fundación da Real Sociedad Vascongada de Amigos del País en Azkoitia apoiaron o seu desenvolvemento económico. Durante o s XIX sufriu destrucións pola Guerra de Independencia e as Guerras Carlistas, ademais de perder case totalmente os seus dereitos forais (réxime aduaneiro no 1841, autonomía política no 1876). Non obstante , nesta época produciuse unha recuperación económica baseada na industrialización apoiada nas industrias papeleiras e metalúrxicas. Durante a Guerra Civil apoiou o bando republicano e sufriu a destrución de numerosas poboacións e industrias. Ocupada polos sublevados durante o verán de 1937, ata a década de 1950 non experimentou o desenvolvemento in-dustrial que permitiu o establecemento de numerosos inmigrantes doutras rexións españolas.