félido -da

félido -da

(< lat científico Felis)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos félidos.

  2. s m [ANIMAL]

    Mamífero da familia dos félidos.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Familia de mamíferos carnívoros que presentan, dependendo da especie, unha lonxitude de cabeza e corpo de entre 34 cm e 2,8 m; unha lonxitude de cola de entre 5 cm e 1,1 m, e un peso de entre 1,5 e 306 kg. A cabeza é arredondada, co fociño curto, os ollos teñen pupilas que se contraen verticalmente, os bigotes e as barbas están ben desenvolvidos, e a lingua aparece cuberta de papilas córneas que serven para a suxeición do alimento dentro da boca. A dentición emprégana especialmente para agarrar e cortar, e non para triturar, e está composta por incisivos pequenos, cabeiros alongados, agudos e levemente recurvados, e dentes molares grandes. O corpo é compacto e musculoso e as patas contan nos pés dianteiros con cinco dedos e nos traseiros con catro. Na maior parte das especies as unllas son grandes, afiadas, curvadas para apresar as presas vivas e retráctiles -no caso do guepardo son semirretráctiles-. Camiñan e corren sobre os dedos e moitas veces os pés traseiros pisan nas pegadas deixadas polos dianteiros. Tamén teñen capacidade para gabear e nadar. Posúen unha pelaxe suave e laúda que manteñen continuamente limpa e que acicalan coa lingua, axudándose das patas, e que varía na cor dende a cinsenta ata a castaña arrubiada e amarelada. En moitos casos teñen deseños máis escuros con raias ou puntos. Presentan unha capacidade de audición e visión moi elevada. Para cazar achéganse e agardan a súa presa, para, unha vez se encontre a unha distancia determinada, emprender unha curta e veloz carreira para capturala. O guepardo pode realizar carreiras máis longas e a velocidades moi elevadas. Moitas especies son esencialmente crepusculares ou nocturnas. Xeralmente son de vida solitaria, aínda que nalgúns casos forman parellas ou nalgunhas especies grupos máis numerosos. Crían en buracos de árbores, covas e tobos abandonados doutros mamíferos. Cando se defenden empregan as poutas e a boca e tentan fuxir. As especies de menor tamaño poden ter dúas camadas ao ano, mentres que as máis grandes crían cada 2 ou 3 anos. Logo dunha xestación que segundo a especie varía entre 55 e 119 días, paren entre 1 e 6 crías. Poden acadar os 15 anos e, excepcionalmente, os 30. Alí onde as presas naturais dos grandes félidos foron eliminadas ou escasean debido á actividade humana, estes poden depredar sobre o gando que substitúe a fauna salvaxe ou, nalgún caso, sobre o propio home. Os félidos, especialmente os de pelaxes manchadas e raiadas, son cazados polo interese que espertan as súas peles, o que motivou que moitas especies estean en grave perigo de extinción. Son cosmopolitas, aínda que están ausentes de Oceanía. Pertencen á familia dos félidos: o caracal (Caracal caracal), o irbis (Uncia uncia), o león (Panthera leo), o leopardo (Panthera pardus), o lince (xénero Lynx), os gatos (dos xéneros Catopuma, Oncifelis, Oreailurus, Otocolobus, Pardofelis, Prionailurus, Profelis e Felis), o guepardo (Acinonyx jubatus), o margai (Leopardus wiedii), o gato tigre (Leopardus tigrinus), o ocelote (Leopardus pardalis), a panteira (dos xéneros Neofelis e Panthera), o puma (Puma concolor), o serval (Leptailurus serval), o tigre (Panthera tigris), o xaguar (Panthera onca) e o xaguarundi (Herpailurus yaguarondi).