Galicia Ceibe

Galicia Ceibe

Organización política de carácter asembleario e autodeterminista de esquerda. A súa orixe está na crise da Unión do Pobo Galego (UPG) a principios de 1977, que se saldou coa expulsión dun cento de militantes da súa á esquerda. Algúns destes, como Cid Cabido, Felipe Marzoa, Leónides de Carlos, Méndez Ferrín ou Manuel Pousada, aos que se sumaron Luís Soto, Xosé González, X. M. García Crego e Mª Xosé Queizán fundaron a UPG-liña proletaria que, no seu Congreso Fundacional, decidiu chamarse Partido Galego do Proletariado (PGP), se declaraba marxista-leninista e optaba pola independencia de Galicia. O PGP acordou un programa de mínimos e creou Galicia Ceibe (Organización de Liberación Nacional) como organización de masas. Na VI Asamblea Nacional, en 1983, dezasete dos seus membros, entre os que se atopaban García Crego e Méndez Ferrín, formularon a disolución de Galicia Ceibe e, ao non ser aceptada a súa proposta, abandonaron a organización, continuando a publicación do xornal independentista Espiral. Os militantes que permaneceron refundárona co nome de Galiza Ceive (Organizaçom de Libertaçom Nacional), achegándose ás teses reintegracionistas e confluíndo co Partido Comunista de Liberación Nacional para fundar, en 1987, a Frente Popular Galega (FPG).