gnosticismo
(< gnóstico)
Culto esotérico ao coñecemento divino, síntese do cristianismo, da filosofía grega e das doutrinas herméticas mediterráneas, así como de sectas persas como o zoroastrismo. Chegou ao seu apoxeo nos ss II e III, rivalizando co cristianismo primitivo, sobre o que influíu poderosamente malia o rexeitamento que, desde un primeiro momento, vai amosar a ortodoxia cristiá, posto que os gnósticos escribiron evanxeos apócrifos nos que mantiñan ideas como que Cristo, o espírito divino, encarnou en Xesús, pero que non morreu na cruz. Rexeitaban tamén a idea da resurrección da carne, e algúns sacramentos, como a eucaristía e o bautismo, adquirían un significado de rito iniciático á gnose. As primeiras formacións gnósticas apareceron no seo do xudaísmo helenístico (Simón Mag, Cerinto, Dositeo, Menandro). O principal centro do gnosticismo cristián do s II foi Alexandría, cos grandes mestres Basilides, Carpocrato e Valentín. A escola valentiniana desenvolveuse nunha corrente oriental (Teódoto, Marción) e nunha corrente itálica (Ptolomeo, Heracleón). A actitude gnóstica perdurou no mandeísmo, no maniqueísmo e no catarismo. O neoplatónico Plotino (s III) atacou a idea gnóstica de que o corpo terreal era malo.