Goethe, Johann Wolfgang von

Goethe, Johann Wolfgang von

Pensador e literato alemán. Estudiou dereito en Leipzig (1765-1768) e Estrasburgo (1770-1771), onde se vinculou ao Sturn und Drang e coñeceu a J. G. von Herder, que fixo que se interesase pola poesía popular, por W. Shakespeare e por Homero. De volta á súa cidade publicou, xunto con Merck e J. G. von Herder, o Frankfurter gelehrte Anzeigen, órgano programático da nova xeración progresista. A instancias do duque Carlos Augusto instalouse en Weimar (1775) onde formou un círculo intelectual xunto con J. G. von Herder, C. M. Wieland, H. Lenz e J. C. F. von Schiller, entre outros. Nomeado conselleiro do príncipe e seis anos máis tarde ministro, procurou facer unha reforma da política interna e darlles sentido ás relacións interxermánicas. Tralo fracaso na realización práctica dos humanistas, fuxiu a Italia (1786). De volta a Weimar dirixiu o teatro da corte (1791-1816). O illamento conformista fronte aos feitos do seu tempo foi recompensado coa reflexión profunda da dialéctica histórica e cun presentimento futurista de liberdade plena. Autor de poemas, comedias, farsas, dramas, sátiras e comedias musicais, da súa produción destacan Die Mitschuldigen (Os cómplices, 1769), Götz von Berlichingen (1773) e Die Leiden des jungen Werthers (As desventuras do mozo Werthers, 1774), Clavigo (1774), Reinecke Fuchs (Reinecke o raposo, 1774), Stella (1775), Die Geschwister (Os irmáns, 1776), Triumph der Empfindsamkeit (O triunfo da sensibilidade, 1778), Iphigenie auf Tauris (Ifixenia en Tauris, 1787), Egmont (1788), Torquato Tasso (1790), Der Grosskophta (1792), Römische Elegien (Elexías romanas, 1795), Venezianische Epigrame (Epigramas venecianos, 1796), Hermann und Dorothea (Hermann e Dorothea, 1798), Die natürliche Tochter (A filla natural, 1803) e Westöstlicher Divan (O diván occidental-oriental, 1814). Expuxo o seu ideario nas novelas filosóficas Wilhelm Meisters Lehrjahre (Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meisters, 1798), Wilhelm Meisters Wanderjahre (Os anos de viaxe de Wilhelm Meisters, 1821-1829) e creou un modelo de novela psicolóxica con Die Wahlverwandschaften (As afinidades selectivas, 1809). Escribiu, tamén, ensaios sobre diferentes temas Winckelmann und sein Jahrhundert (Winckelmann e o seu século), Aus meinem Leben; Dichtung und Wahrheit (Da miña vida; poesía e verdade, 1811-1831), a correspondencia con J. C. F. von Schiller (1794-1805), ademais da obra de botánica Zur Farbenlehre (Teoría das cores, 1810). O seu legado máis importante foi a traxedia en dúas partes Fausto (1808-1832), que é un dos clásicos alemáns con máis importancia e cun gran valor universal: o seu pensamento reflectiu maxistralmente a inquietude da súa época fronte á chegada dos novos tempos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Frankfurt

  • Deceso

    Lugar : Weimar