Gómez de Sandoval Rojas y de Borja, Francisco
Valido de Filipe III (1598-1618), quinto marqués de Dénia, conde e duque de Lerma, conde de Ampudia (1602-1625), grande de España e cardeal (1618-1625), fillo do cuarto marqués de Dénia. Xentilhome da cámara de Filipe II, foi nomeado vicerrei de València (1595-1597). Trala morte do monarca (1598), Filipe III confioulle todos os asuntos de Estado, co que se iniciou o réxime de validos dos Austrias. A súa política interior estivo dirixida ao enriquecemento e engrandecemento persoal, para o que creou unha importante rede de clientelismo mediante a venda de títulos e favores. Foi tamén o artífice da expulsión dos mouriscos (1609-1610) e da política pacifista do monarca, que levou a Castela a asinar a paz con Francia (1601), Inglaterra (1605) e os Países Baixos (Tregua dos Doce Anos). Os escándalos financeiros e a crecente oposición dentro da corte, liderada polo seu fillo, a Raíña Margarida e o confesor real, Luis de Aliaga, precipitou a súa caída (1618). Tras abandonar a corte foi elixido cardeal, feito que lle proporcionou inmunidade xurídica. Non obstante , trala morte de Filipe III foi recluído en Tordesillas e condenado a pagarlle ao Tesouro todas as rendas e riquezas das que se apropiara.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Tordesillas -
Deceso
Lugar : Valladolid