Gómez Román, Manuel
Arquitecto. En 1898 creou en Vigo unha academia de debuxo e comezou a realizar esculturas e os primeiros proxectos arquitectónicos, que asumiron as novas tendencias modernistas, lonxe do clasicisismo e historicismo. En 1913 viaxou a Bos Aires e, logo, trasladouse a Madrid, onde finalizou os seus estudios de arquitectura (1914-1916) e obtivo o título (1917). Nos comezos da súa carreira os seus proxectos, ao carecer de titulación, foron asinados por outros arquitectos. En 1906 o seu irmán Bieito, enfermo desde 1905, asinou o proxecto do Edificio Simeón de Vigo. As características construtivas e decorativas sinálano como o seu autor; os elementos decorativos e un amplo repertorio de formas animais e vexetais son modernistas, como tamén o é o emprego combinado de pedra e ferro. En 1910 realizou a casa para Enrique Mülder na avenida de Montero Ríos (1910), caracterizada pola cúpula en forma de ovo, revestida de placa cerámica, que ten como remate; e en 1912 Luís Vidal y Tuasón asinou o proxecto da casa para Saturnino García situada na praza de Compostela. En 1912 realizou tamén o monumento a Concepción Arenal no cemiterio de Pereiró. Despois de obter o título de arquitecto, a súa obra evolucionou desde o modernismo matizado polo academicismo. Entre 1919 e 1923 construíu o edificio do antigo Banco de Vigo (actual sede do Banco Pastor e da Fundación Pedro Barrié de la Maza), na encrucillada das rúas Colón e Policarpo Sanz. En 1920 gañou o concurso para construír o edificio de Correos e Telégrafos, situado na esquina da praza de Compostela coa rúa Reconquista, e en 1924 proxectou o antigo edificio da Caixa de Aforros, situado na encrucillada das rúas Ronda de don Bosco e Velázquez Moreno. Nas súas últimas obras asumiu o rexionalismo e inspirouse na arquitectura barroca dos pazos galegos. Membro do Partido Galeguista, foi o seu primeiro secretario xeral e participou na campaña a prol do Estatuto de 1936. Levou a cabo un labor de conferenciante sobre temas de interese local e política e realizou colaboracións en prensa. Foi vicepresidente da Editorial Galaxia, desde a súa fundación ata a súa morte, e vogal do padroado da Fundación Penzol. En 1951 ingresou na Real Academia Galega e en 1963 foi un dos solicitantes da celebración do Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso