Gómez Segade, Xosé Antonio

Gómez Segade, Xosé Antonio

Xurista. Licenciado e doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi catedrático de Dereito Mercantil en Donostia e València, profesor na Universidad Carlos III de Madrid, vicerrector das universidades de València e Santiago de Compostela, secretario e decano da facultade de Dereito de Santiago de Compostela e director do Instituto de Dereito Industrial na universidade compostelá. Pertence á Comisión de Investigación da Oficina Europea de Patentes e ao Comité de Denominacións de Orixe da UE en Bruxelas. Foi un dos fundadores do Clube Nacionalista Alén Nós, do que foi vicepresidente e presidente. Membro do Seminario de Estudos Galegos, presidiu a sección de Ciencias Xurídicas e foi membro do Consello da Cultura Galega (1984-1986) e da Xunta Electoral de Galicia (1985-1990). Pertence ao padroado do Museo do Pobo Galego e ás fundacións Antonio Fraguas, Castelao e Pedrón de Ouro. Dirixiu as revistas Actas de Derecho Industrial e Cuadernos de Jurisprudencia sobre Propiedad Industrial. Autor de numerosos artigos e estudios en revistas especializadas sobre dereito mercantil, propiedade industrial e intelectual, e dereito de competencia, publicou os libros: El certificado de adición (1977), Algunos problemas actuales del derecho mercantil (1978) e El derecho de autor en el entorno digital (1999). Foi galardoado co Premio Galicia de Investigación en Ciencias Sociais “Montero Ríos” (2002).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Medeiros, Monterrei