Gondomar, pazo de
Construción situada en San Bieito de Gondomar. De orixe medieval (ss XIV-XV), pertenceu a García Sarmiento de Soutomaior, señor de Gondomar e Vincios, e ao seu fillo Diego Sarmiento de Acuña, I conde de Gondomar. Construíuse arredor do corpo central ao que se lle foron engadindo diversos corpos ata constituír unha planta que se asemella a un U, pechado polo S e cun muro de contención que crea un patio de armas. O corpo principal ten tres alturas, dous os laterais e un o resto. A cuberta orixinal era de tella curva pero as reformas do s XIX cambiárona por tella plana a catro augas, no corpo central, e a tres, nos laterais. Conserva unha solaina, con acceso directo ao patio de armas, cuberta pola terceira planta, que se apoia en columnas sinxelas na zona central e pareadas nos laterais. Ao longo do corpo central da fachada N consérvase unha terraza e, pegada á casa, a capela, baixo a advocación de santa Ana. Segundo a tradición, nela atópanse os restos do mártir Tomé Maxfildeo e de san Abudio. Na muralla hai torreóns defensivos, dos que destaca unha torre exenta no centro do recinto, de forma circular e coroada por un casquete esférico rodeado de ameas apoiadas en ménsulas. A porta do Reloxo, ou de Tui, situada no lateral L, ten unha porta alintelada flanqueada por dous ocos rematados en ameas cun reloxo de sol no centro; ás súas beiras ten dúas torres defensivas circulares coas armas dos Sarmiento e dos Acuña; no extremo oposto, está a porta de Baiona, formada por un panel sobre o que se sitúa a porta alintelada cun brasón dos Sarmiento e dos Acuña con dúas torres como a outra porta. Antano tiña unha terceira porta denominada da Paradela, que foi destruída no s XIX. Ademais conta cun xardín de tipo inglés e diversas fontes e miradores. Declarárono Ben de Interese Cultural en 1999.