Gondomar, San Bieito de

Gondomar, San Bieito de

Igrexa parroquial situada en Gondomar. Construíuse no s XIX nun estilo neogótico de carácter historicista. Ten planta en forma de cruz latina con dous corpos pegados na fachada N que funcionan como un anexo á sancristía e almacén e outro na fachada S que conforma a sancristía, cuberta cunha bóveda de canón. A nave, de dous tramos, e a ábsida cóbrense con bóveda de aresta, e o cruceiro cunha cúpula que se erixe sobre catro pilastras. Nos seus extremos ábrense dúas capelas cubertas con bóvedas de aresta. Na fachada S hai un soportal cuberto cunha columnata de granito. Pegado a esta fachada figura un peto de ánimas con tres almiñas e a imaxe de san Bieito. A fachada principal está flanqueada por dúas pilastras laterais que simulan ter capiteis e que rematan en pináculos sobre a cuberta. A rúa central está adiante, e sobre ela sitúanse, de xeito aliñado, a porta, o rosetón, as armas de san Bieito e a torre campanario. A porta é de arco de medio punto peraltado e apóiase en dous pares de xambas, a primeira delas formada por un par de columnas entregadas con capiteis compostos. A arquivolta interior ten as doelas decoradas con motivos estrelados. Remata nun frontón triangular decorado con molduras. O rosetón ten unha celosía floreada de oito pétalos. A torre campanario é de planta cadrada cos ocos coroados por arcos semicirculares rematados por frontóns triangulares. O acceso á igrexa realízase por medio dunha escalinata.