González Formoso, Xoán Xesús
Mestre, escritor e político. Na segunda década do s XX trasladouse a Santiago de Compostela, onde alternou o traballo de canteiro cos estudios de maxisterio. Fundou o semanario El País Gallego (1927), publicou unha peza de teatro, poesías, ensaios e varias novelas curtas, e fixo a carreira de Dereito. Na Segunda República creou a Agrupación Nacionalista Independente en compañía de Luís Seoane, R. Carballo Calero e S. González García-Paz, e iniciou a súa militancia no PSOE local, que abandonou para formar en 1931 a Unión Socialista Gallega, coa intención de conciliar agrarismo, marxismo e galeguismo; nesta época escribiu Regionalismo, Nacionalismo y Separatismo e a novela A modelo de Paco Asorey, editada por Nós en 1933. Fracasada a experiencia logo das eleccións de novembro de 1933, achegouse a posturas da esquerda republicana e autonomista, exerceu a avogacía e rexentou a librería Niké, que compartiu con Arturo Cuadrado. Ao producirse o golpe militar de xullo de 1936, interveu na resistencia dos primeiros días en Compostela, polo que foi procesado e fusilado. Así mesmo, na colección Lar publicou as novelas Ana María (1925) e A filla da patrona (1926).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cuntis -
Deceso
Lugar : Santiago de Compostela