González Laxe, Fernando Ignacio

González Laxe, Fernando Ignacio

Político e economista. Doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, é catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. Membro do PSOE desde 1977, foi tenente de alcalde da Coruña de 1980 a 1982, e director xeral de Ordenación Pesqueira e Relacións Pesqueiras Internacionais do ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación entre 1982 e 1985. Parlamentario galego na II e III lexislaturas (1985-1993) polo PSOE e senador pola Comunidade Autónoma de Galicia desde a III á VI lexislaturas (1986-2000), ostentou a presidencia da Xunta de Galicia entre 1987-1990. Foi membro das Asambleas Parlamentarias do Consello de Europa, da Unión Europea Occidental e da Internacional Parlamentaria. É autor de Estrutura Económica de Galicia (1992), Os desafíos económicos de Galicia (1996), Galicia, un camiño aberto á renovación (1997), e entre os seus textos sobre temática pesqueira destacan Estrutura da pesca costeira galega (1977), Ensaios sobre a pesca (1984) e La economía del sector pesquero (1988). Foi presidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza e da Asociación Española de Ciencias del Mar, e posúe, entre outras condecoracións, a Encomienda de la Orden al Mérito Civil, a Encomienda de Número de la Orden de Isabel la Católica, e a Medalla de Ouro da cidade da Coruña.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Coruña