González López, Ánxel Xoán

González López, Ánxel Xoán

Escritor e debuxante. Coñecido como Ánxel Johán, en 1918 ingresou no corpo de telégrafos e en 1929 destinárono ás Palmas de Gran Canaria, onde permaneceu ata 1948 e onde o condenaron a morte por apoiar a República. Conmutáronlle a pena logo de cumprir cadea en Las Palmas (1937-1942). De regreso a Lugo, foi profesor de debuxo no colexio Fingoi e no Círculo das Artes e director e fundador da colección de poesía Xistral. Colaborador na prensa escrita, empregou tamén o pseudónimo de Vicente Prado. Como poeta inclúese na Xeración de 1925, e dentro desta no grupo lucense. Vinculado con Luís Pimentel, Ricardo Carballo Calero e Ánxel Fole, espallou a súa produción por xornais e revistas, e publicáronse postumamente os volumes recompilatorios Sonetos de vida e morte (1991) e Obras reunidas (1993). Así mesmo, destaca o seu traballo “Notas encol dos pintores galegos”, publicado en 1951 en Grial. Incorporouse ao grupo A Gadaña e participou con eles na exposición que realizaron en Lugo. No Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada consérvanse algúns dos seus debuxos.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lugo

  • Deceso

    Lugar : Madrid