González Márquez, Felipe
Político. Licenciado en Dereito pola Universidad de Sevilla, iniciou a súa actividade política coa afiliación ás Juventudes Socialistas en 1962 e posteriormente, en 1964, ao PSOE. Comezou a súa actividade profesional como avogado laboralista e como docente na facultade de Dereito da universidade sevillana. Entrou a formar parte da comisión executiva do partido en 1970 e, catro anos máis tarde, foi elixido secretario xeral no Congreso de Suresnes (outubro de 1974). Trala morte de Franco liderou a Plataforma de Convergencia Democrática e formulou a conversión do PSOE nun partido interclasista, dentro da corrente da socialdemocracia europea, que o nomeou vicepresidente da Internacional Socialista (IS) en 1978. A súa proposta foi desbotada no XXVIII Congreso do partido (maio de 1979), polo que dimitiu como secretario xeral, aínda que, meses máis tarde, un novo congreso extraordinario elixiuno novamente. Deputado ao Congreso por Madrid desde 1977, foi presidente do goberno tralas vitorias do PSOE nas eleccións xerais de 1982, 1986, 1989 e 1993. Durante a súa presidencia produciuse a incorporación oficial de España na Comunidade Económica Europea (1986) e o referendo de permanencia de España na OTAN (1986). En política exterior cómpre destacar tamén, entre outros feitos, o establecemento de relacións diplomáticas con Israel, o fortalecemento dos vínculos con Marrocos e América Latina e a renovación do pacto de amizade e cooperación con EE UU. Durante o XXIV Congreso do PSOE (1997) renunciou á secretaría xeral do partido. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio Carlomagno (1993) pola súa contribución á unidade europea e o Premio Carlos V (2000) outorgado pola Fundación Academia Europea de Yuste.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sevilla