González Martínez, Xosé
Galeguista. Realizou estudios de dereito e participou (1967-1977) no relanzamento e actuación do movemento nacionalista galego UPG, da que foi un dos seus dirixentes e coordinador. Durante este período organizou e definiu o nacionalismo para integralo na sociedade galega, actividade pola que foi detido dúas veces. En 1975 organizou o Consello das Forzas Políticas Galegas, plataforma que aglutinaba a UPG, PSG, PGSD, Partido Carlista e Movemento Comunista de Galicia, nun intento de presentar unha alternativa política ao réxime franquista. Desde 1979 é funcionario do concello de Redondela, onde se encarga do departamento de cultura e normalización lingüística. Foi o impulsor da creación do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor e desde este concello organizou as primeiras campañas de normalización lingüística, que acadaron proxección en toda Galicia. Foi un dos fundadores da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) en 1983, da que é secretario. Inspirou e promoveu a Fundación Galicia-Empresa, entidade que busca normalizar o uso da lingua galega no ámbito socioeconómico. Participou como relator en cursos organizados polas Escolas de Administración Pública de Catalunya, València e Euskadi e, como impulsor do movemento normalizador, participou no II Congrés da Cultura Catalana (1986), na súa Secció Llengua i Dret (Andorra) e nos cursos de verán da Universidad Menéndez Pelayo de Santiago de Compostela. Colaborou (1981) na sección de lingua e lexislación da revista Llengua i Dret e na prensa galega, na TVG, no Diario Cultural da Radio Galega e na COPE en Galicia, cun microespacio dedicado a divulgar os dereitos lingüísticos entre a cidadanía. Participou na Enciclopedia Galega Universal (EGU) e dirixiu as coleccións Galegos na Historia e Vilas e Cidades de Ir Indo Edicións. É presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, membro fundador da Fundación Lois Peña Novo e secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixto. Recibiu, entre outros, o Premio Santiago do Centro Rexional da TVE en Galicia.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Teis, Vigo