González Pérez, José Victoriano
Pintor. Coñecido como Juan Gris, estudiou na Escuela de Artes y Oficios de Madrid e na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando. Colaborou nas revistas Blanco y Negro e Madrid cómico. En 1906 trasladouse a París, onde se adscribiu ao cubismo e colaborou en L’Assiette au Beurre e Le Charivari. Os seus primeiros debuxos foron naturalistas e desde 1911 pintou bodegóns case monocromos. En 1912 comezou a realizar colaxes e en 1914 papiers collés e os primeiros lenzos que o achegaron ao cubismo sintético (Naturaleza muerta con frasco y vidrio). Entre 1916 e 1919 desenvolveuse a súa etapa clásica (Violín y vaso). Durante a década de 1920 realizou cadros de arlequíns e pierrots, e escenografías e figurinos para os ballets de S. P. Diaghilev. En 1924 comezou o período polifónico (La mesa del músico). A súa obra asumiu, nunha primeira etapa, unha grande austeridade cromática co predominio do gris e, posteriormente, incorporou as cores puras nas naturezas mortas, retratos de estudo psicolóxico e paisaxes mentalmente transformadas. Está considerado como o máis puro dos cubistas. Realizou tamén litografías, augafortes e debuxos.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Madrid -
Deceso
Lugar : París