González Rodríguez, Cesáreo

González Rodríguez, Cesáreo

Produtor cinematográfico. Empresario e presidente do Celta de Vigo, creou a produtora Suevia Films-Cesáreo González en 1940. De-señou unha política de produción destinada aos xéneros máis comerciais e mesmo populistas. Así, a partir da súa primeira produción Polizón a bordo (Florián Rey, 1941), comezou a producir proxectos rendibles como Campeones (Ramón Torrado, 1942), La nao capitá (F. Rey, 1946), Reina Santa (Rafael Gil, 1947) ou Botón de ancla (R. Torrado, 1947). Nesta primeira etapa destaca o que se deu en chamar “gallegada” ou “melodrama regional gallego”, estratexia para a que contou co director coruñés Ramón Torrado e que se desenvolveu en títulos como Mar abierto (1946), El emigrado (1946) e Sabela de Cambados (1948). Ao longo da década seguinte, traballou no cine folclórico tradicional andaluz (La niña de la venta, La estrella de Sierra Morena, Morena Clara), pero tamén aproveitou as modas que xurdían no cine español, como a do cupletismo (Mi último tango e La reina del Chantecler) ou a de películas cun neno cantor (El ruiseñor de las cumbres, El pequeño coronel). Foi o principal promotor de estrelas como Lola Flores, Carmen Sevilla, Joselito ou Marisol. Pero tamén colaborou na produción de títulos menos populistas, como Fedra (Manuel Mur Oti, 1956) e nas de J. A. Bardem Muerte de un ciclista (1955) e Calle Mayor (1956).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigo

  • Deceso

    Lugar : Madrid