González Velázquez

González Velázquez

Familia de artistas casteláns. Pablo González Velázquez (Andújar 1664-Madrid 1727), escultor, traballou para as igrexas madrileñas e fixo o retablo da igrexa das Calatravas. Dos seus fillos, Luis González Velázquez (Madrid 1715-1765), pintor, traballou nas Salesas e nas Descalzas Reales de Madrid; Alejandro González Velázquez (Madrid 1719-1772), pintor, escultor e arquitecto, fixo o altar maior de San Francisco de Borja e traballou nos palacios reais de Aranjuez, Madrid e La Granja de San Ildefonso; e Antonio González Velázquez (Madrid 1729-1793), pintor, decorou a cúpula da capela Angélica do Pilar de Zaragoza (1753) e en 1757 foi nomeado pintor de cámara. Os fillos deste último tamén foron artistas. Zacarías González Velázquez (Madrid 1763-1834), pintor de cámara (1801), traballou na Real Fábrica de Tapices e na decoración do Palacio Real e na Casita del Labrador de Aranjuez; esta obra foi proxectada en 1802 polo seu irmán Isidro González Velázquez (Madrid 1765-1829), que se formou como pintor na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e que en 1814 foi nomeado arquitecto maior de Fernando VII. Das súas obras destacan o proxecto da praza de Oriente (1816) e o obelisco conmemorativo do Dous de Maio (1821). Traballou no palacio de El Pardo e foi académico de mérito (1799). O seu irmán Cástor González Velázquez (Madrid 1768-1822), pintor de cámara e académico, traballou como decorador na Real Fábrica de Porcelana.