Gramsci, Antonio

Gramsci, Antonio

Pensador, político e xornalista italiano. Ingresou no Partito Socialista (1913) e dedicouse ao xornalismo político en Avanti!. En 1919 fundou, xunto con P. Togliatti, L’Ordine Nuovo e tomou parte no movemento dos Consigli di Fabbrica que desafiaron a FIAT e a outras compañías de Turín ao principio da década de 1920. Trala ruptura do socialismo italiano en Livorno, fundou en 1921, con A. Bordiga e P. Togliatti, o Partito Comunista Italiano e trasladouse a Moscova, onde traballou para a Terceira Internacional Comunista. De volta a Italia (1924) fundou o xornal L’Unità e integrouse na oposición parlamentaria contraria á ditadura de B. Mussolini. Arrestado (1926) e condenado (1928) a vinte anos de cárcere, morreu en prisión. Modificou o materialismo histórico co obxectivo de dar independencia á conciencia humana e á superestrutura de base económica, e analizou as dificultades das sociedades avanzadas á hora de propagar as doutrinas marxistas, xa que nelas a clase gobernante non só exerce o poder militar e político, senón tamén a hexemonía intelectual e cultural. Entre as súas obras, publicadas trala caída do fascismo, destaca Quaderni del carcere (1940-1951).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ales, Sardeña

  • Deceso

    Lugar : Roma