Granada
Municipio e capital da provincia homónima, Andalucía, situado ao pé de Sierra Nevada e na confluencia dos ríos Darro e Genil (240.661 h [2001]). A comezos do s XX a poboación experimentou un grande aumento (dos 70.000 h de principios de século ata os 150.000 h en 1950), grazas á introdución da remolacha, que o converteu nun centro inmigratorio. Coincidindo coa reforma agraria, sufriu grandes transformacións urbanas e adquiriu unha nova estrutura urbanística. É o centro dunha ampla rexión agrícola, a Vega de Granada, e un núcleo de vías de comunicación entre o val do Guadalquivir e o Mediterráneo. Destaca como núcleo comercial, turístico e, en menor medida, industrial. É sé arcebispal. Fundada no s VIII polos musulmáns sobre a antiga cidade romana de Elvira, non se desenvolveu como cidade ata a constitución no s XI do reino taifa de Granada, cando o núcleo urbano se trasladou ao Albaicín. No s XIII, trala creación do reino nazarí de Granada, a cidade acadou un gran desenvolvemento urbano e converteuse nun importante centro literario, artístico e científico. Trala conquista cristiá, a cidade mantivo a súa prosperidade e converteuse no centro peninsular na produción de tecidos de seda. Non obstante , a división da cidade na área cristiá e na mourería, provocou numerosos descontentos que culminaron coa revolta mourisca de 1568 e o inicio da decadencia urbana. No s XIX produciuse un novo desenvolvemento urbano e a cidade estendeuse cara ao antigo barrio da mesquita maior. No s XX foi un importante núcleo republicano, aínda que foi ocupada polas tropas de Franco pouco despois do alzamento do 18 de xullo de 1936. Do seu patrimonio cultural destacan no barrio do Albaicín as murallas árabes, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC) en 1922, o convento de Santa Isabel La Real (s XVI), BIC desde 1922, o convento e a casa mourisca de Santa Catalina de Zafra, declarado BIC en 1931 e os baños árabes de Bañuelo, BIC desde 1918; no barrio da Alhambra, o conxunto do palacio fortaleza musulmán, os xardíns do Generalife e o palacio de Carlos V, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1984; no barrio do Realejo, os restos do barrio xudeu, as igrexas de San Cecilio e Santo Domingo e a casa dos Tiros, BIC desde 1919; e o barrio de Sacromonte. Cómpre salientar tamén a catedral construída entre 1523 e 1703, coa Capela Real, onde se atopa a tumba dos Reis Católicos.