Granada
Estado de América Central, situado no mar das Antillas, formado pola illa homónima e por un grupo das illas Granadinas (344 km2; 94.000 h [estim 2001]). Situado ao SL do Caribe, é a máis meridional das illas Windward ou de Barlovento. Esténdese entre os 12° de latitude N e os 62° de lonxitude O. A capital é Saint George’s.
Xeografía física
Relevo e climatoloxía
De orixe volcánica, o seu relevo é bastante montañoso, co punto máis elevado no monte Sainte Catherine situado a 840 m de altitude. Os vales situados entre as montañas son bastante fértiles e están drenados por numerosos ríos. A illa conta tamén con importantes mananciais termais, algúns lagos de montaña e amplas praias. O clima é tropical, cunha temperatura media anual de 27,8°C. As precipitacións anuais na costa son de 1.524 mm e a estación das chuvias prolóngase entre xuño e decembro.
Xeografía económica
Economía
A agricultura foi, ata o desenvolvemento do sector turístico na segunda metade do s XX, a principal actividade económica. A maior parte das parcelas de cultivo están en mans de pequenos propietarios. Os principais cultivos son os cítricos, cacao, plátanos e millo, aínda que tamén se cultivan cocos, algodón, cravo e canela. Os cultivos de exportación teñen unha grande importancia para a economía do país; aínda que tamén son importantes a gandería e a pesca. En conxunto o sector primario proporciona emprego ao 14% dos traballadores. A industria limítase á obtención de azucre e ron, á elaboración de especias e á fabricación de cigarros e cervexa. A construción está moi pouco desenvolvida, de feito que para a realización dos aeroportos houbo que contratar empresas estranxeiras. As actividades secundarias acollen en total ao 24% da poboación activa. Gracias ao turismo, que achega o 20% do PNB, os servicios convertéronse no principal sector de actividade, co 62% dos taballadores. A inflación en 2001 era do 2,8%, cunha poboación ocupada no mesmo ano de 42.300 persoas. O desemprego era do 11,5% en 1999. A moeda oficial é o dolar do caribe.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta un claro balance negativo. O valor das importacións en 2000 foi de 270 millóns $ USA, con EE UU e Xapón entre os principais vendedores. Os produtos máis destacados foron o peixe e a maquinaria. O valor das exportacións no mesmo ano foi de 78 millóns $ USA e os principais clientes foron EE UU, os países do CARICOM e Reino Unido. Os produtos máis vendidos foron as bananas e os cocos.
Transportes e comunicacións
As comunicacións terrestres están pouco desenvolvidas. O principal porto está na capital, Saint George’s e os aeroportos principais son os de Pearls e Lauriston.
Xeografía humana
Demografía e poboamento
O crecemento da poboación non é moi forte (0,8% [1999]), malia ter un elevado índice de natalidade (28,1‰ [1998]). Este escaso crecemento da poboación débese en parte ao aumento da mortalidade infantil nos últimos anos (14‰ [1998]). A estrutura por idades presenta un 35,9% da poboación entre 0-14 anos, o 60,3% entre 15-64 anos e o 3,8% con máis de 65 anos. As cidades máis importantes son a capital Saint George’s (4.600 h [1995]), Pearls, Lauriston e Point Salines.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O 84,9% da pobación é de orixe afroamericana, o 11% mestiza, o 3% asiática e o 0,7% de orixe europea. A lingua oficial é o inglés. As principais relixións son a católica, que profesa o 57,8% da poboación, e as protestantes co 37,6%. A educación é obrigatoria e gratuíta para os nenos entre 6 e 14 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 2000 situaba a Granada entre os países cun desenvolvemento humano medio (cun índice do 0,793). Este indicador desgregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 69 anos para os homes e de 74 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 94% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 65%; e o PNB real por habitante é de 3.440 $ EE UU.
Goberno e política
Membro da Commonwealth of Nations, o xefe do estado é o soberano de Reino Unido, a Raíña Isabel II de Inglaterra, representada por un gobernador xeral. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro e xefe do goberno. O poder lexislativo desempéñao un parlamento bicameral, formado polo Senate (Senado), que conta con 13 membros nomeados polo goberno e o líder da oposición, e a House of Representatives (Cámara de Representantes), formada por 15 membros elixidos por sufraxio popular para un período de cinco anos. O órgano máximo do poder xudicial é o West Indies Associate States Supreme Court (Corte Suprema dos Estados Asociados das Indias Occidentais), que conta cun xuíz residente en Granada. As principais formacións políticas son: New Jewel Movement (NJM), New National Party (NNP) de caracter conservador e dirixido por Keith Mitchell; National Democratic Congress (NDC), liberal, presidido por George Brizan; Grenada United Labor Party (GULP), autoritario, que lidera Herbert Preudhomme e Maurice Bishop Patriotic Movement (MBPM), dirixido por Terrence Marryshow. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, OAS, ONU e membro asociado da UE.
Historia
Poboada por indios caribes, foi descuberta por Colón en 1498, quen lle puxo por nome Concepción. En 1650 foi ocupada polo gobernador da posesión francesa de Martinica. O exterminio da poboación indíxena obrigou á introdución de escravos negros para a explotación dos enxeños de azucre dos colonos. En 1753 traballaban nestas explotacións uns doce mil escravos negros. O Reino Unido apoderouse dela en 1762 e introduciu os cultivos de cacao, algodón e noz moscada. Recuperada polos franceses en 1779, volveu a poder dos ingleses en 1783 polo Tratado de Versailles. A pesar da supresión da escravitude en 1838, os escravos emancipados continuaron traballando en durísimas condicións. Converteuse en colonia da coroa británica en 1877. Trala Segunda Guerra Mundial, os traballadores reclamaron unha mellora nas condicións laborais, que levou á organización de sindicatos e á primeira folga en 1951. E. Matthew Gairy fundou o primeiro partido político local, o GULP, que defendeu a independencia e gañou as eleccións para o Consello Lexislativo. Estado asociado ao Reino Unido desde 1967, o GULP triunfou nas eleccións de agosto e M. Gairy converteuse en primeiro ministro e conseguiu do goberno británico un réxime de semiautonomía. En xaneiro de 1974 produciuse unha folga antiindependentista, pero a represión dirixida polo primeiro ministro, apoiado por grupos paramilitares, rompeu a folga e levou a unha forzada proclamación de independencia. O goberno de M. Gairy, marcado polo seu carácter autoritario e o nepotismo, apoiouse nos grupos paramilitares, que se converteron no exército da illa. Un golpe de estado derrubou o goberno laborista de M. Gairy (1979) e deulle o poder a Maurice Bishop, líder do NJM, que impuxo un goberno revolucionario e afirmou as relacións co bloque socialista. Despois do derrocamento e posterior asasinato de M. Bishop, durante un golpe de estado de ultraesquerda dirixido por Bernard Coard (1983), en outubro dese ano produciuse a intervención militar conxunta de tropas dos EE UU e de membros da Organización de Estados do Caribe Oriental. Paul Scoon foi nomeado gobernador xeral e dirixiu provisionalmente o goberno ata as eleccións xerais de 1984, nas que venceu o NNP, liderado por Herbert Blaize. Durante o seu goberno conseguiu unha importante mellora na economía, ao redor do 5% anual, apoiado polo incremento no turismo. Trala morte de H. Blaize (1989), substituíuno temporalmente Ben Jones. Despois da elección como primeiro ministro de Nicholas Braithwaite do NDC, tivo que enfrontarse cun incremento do paro e unha forte tendencia migratoria alimentada pola caída dos prezos das súas exportacións principais (azucre, cacao e noz moscada). En 1992 foi nomeado un novo gobernador xeral, sir Reginald Palmer. A mala situación da economía provocou folgas na hostalería e nas plantacións de produtos para a exportación. Tralo abandono de Braithwaite (1995) sucedeuno de xeito interino George Brizan ata as eleccións xerais dese ano, cando Keith Michell, líder do NNP acadou o poder. Durante o goberno de K. Michell, asinouse un acordo de cooperación xurídica e extradición cos EE UU, dentro da campaña contra o narcotráfico (1996), e restablecéronse as relacións diplomáticas con Cuba (1997). En agosto de 1996 Daniel Williams foi nomeado gobernado xeral. Nas elección de xaneiro de 1999 o NNP de K. Mitchell conseguiu a maioría absoluta no parlamento.