Grande de Xubia

Grande de Xubia

Río da vertente atlántica. Nace na parroquia e concello das Somozas. O seu curso adopta unha dirección L-O coa que atravesa a parroquia de San Xurxo de Moeche (Moeche) para despois penetrar nos concellos de San Sadurniño (parroquias de Lamas, Ferreira e San Sadurniño) e Narón (Pedroso e Doso); neste último concello vira primeiro cara ao SO e posteriormente, nun treito que serve de límite aos concellos de Narón e Neda, cara ao NO, ata Xubia, onde desemboca na ría de Ferrol logo de percorrer 31 km e drenar unha conca de 182,3 km2. Na súa desembocadura achega un caudal medio de 30,2 l/s/km2.