Grandío López, Constantino

Grandío López, Constantino

Pintor. Coñecido como Tino Grandío, despois de acadar galardóns nas exposicións provinciais de Lugo de 1944 e 1945 acadou unha bolsa en 1949 da deputación lucense e trasladouse a Madrid, onde se relacionou con Cristino Mallo e outros artistas galegos. As súas primeiras obras foron escenas de xénero e costumistas tratadas cun colorido intenso e cunha rotundidade case escultórica na representación das figuras. Desde a década de 1950 a súa obra evolucionou cara a dúas correntes, a abstracción e a neofiguración, caracterizándose pola monocromía, xeralmente de grises e brancos, polas figuras pouco perfiladas sobre as que se estende a mancha da cor de xeito que semellan flotar ou vaporizarse no espazo e polo reiteramento dos temas, naturezas mortas, paisaxes, mariñas, escenas de interior, retratos e animais; no da abstracción cómpre destacar, entre outras obras, Vaca azul (1951) e a serie dos Espellos (1959-1961). No eido da figuración destacan, entre outras, Romaría (1953), Café Gijón (1968), As damas (1975), Cea de ministros (1973) e Retrato de Franco (1973). As súas paisaxes e mariñas caracterizáronse polas gamas frías e as veladuras. Recibiu, entre outros galardóns, o Premio Stanley Kramer (1956), o Premio Cauce (1960), a terceira medalla da Exposición Nacional de 1962 con Leira, a miña cadela, o Gran Premio da Dirección General de Bellas Artes (1965), a primeira medalla na Exposición Nacional de 1966 con Labrando, unha mención honorífica na Bienal de Alexandría (1965), a bolsa da Fundació March (1965), o Gran Premio Internacional de Pintura da Bienal de Marbella (1971) e o Premio Unicef (1968).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Lousada, Guntín

  • Deceso