gravado -da
(< 1 gravar)
-
p reg
de 1 gravar.
-
s
m
Acción de gravar algo nunha superficie.
-
s
m
Arte ou técnica de gravar.
Técnicas e tipos de gravados
Segundo a prancha e a técnica empregada distínguense varios tipos de gravado. Entre as técnicas en relevo distínguese a xilografía ou gravado en madeira, en que a imaxe se obtén mediante a talla da madeira e, segundo sexa esta talla, distínguense entre gravado a fibra, que consiste en baleirar a madeira que se atopa aos lados do debuxo realizado na prancha para que o contorno da imaxe sobresaia da superficie, e en trasladar a imaxe mediante a presión exercida sobre a prancha impregnada de tinta; e gravado a contrafibra ou gravado ao buxo, en que a talla se realiza en sentido transversal ás vetas da madeira. O linogravado ou linóleo deriva da xilografía e emprega como prancha un linóleo industrial sobre o que se debuxan os perfís ou as formas. No que se refire ás técnicas en oco , talla doce ou calcografía , distínguense entre os procedementos directos, secos ou fríos e os procedementos indirectos, húmidos ou quentes. Os procedementos directos empregan unha prancha metálica sobre a que se obtén o debuxo mediante incisións realizadas por un instrumento punzante. Distínguese entre o gravado a buril, no que se talla directamente sobre a prancha, xeralmente de cobre, perfectamente puída, mediante un buril; gravado a punta seca, no que se empregan puntas metálicas, de zafiro ou rubí, con facetas, de xeito que as labras que sobran ao facer o debuxo (barbas) se depositan nas beiras do mesmo para que despois de facer a estampaxe proporcionen as gradacións de grises; e gravado a maneira negra ou mezzotinta, é unha variedade do anterior e consiste no traballo da prancha mediante un raspador de varias puntas que producen unha especie de gran debido ao entrecruzamento das liñas. Os procedementos indirectos empregan unha prancha metálica e obteñen a imaxe mediante a actuación dos ácidos. Distínguese entre a augaforte, que permite obter a imaxe mediante o tratamento das zonas da prancha que non foron protexidas por un verniz previo; a augatinta, que é unha variedade da augaforte na que a prancha se cobre cunha capa de resina pegada mediante a calor; e o verniz branco, que consiste en cubrir a prancha cun verniz húmido e graxo. Outras modalidades son a litografía, que consiste en imprimir un debuxo trazado nunha superficie de pedra e que se basea na incompatibilidade das tintas, da auga e da acidez dos soportes e substancias empregadas; e a serigrafía, que consiste na filtración das cores a través dunha trama de seda.
Evolución histórica
Ten a súa orixe nos tecidos estampados pero co descubrimento do papel en China, xurdiu en Oriente a estampa. As primeiras estampas xaponesas eran en branco e negro, logo a estampaxe en cor realizouse con múltiples moldes e reflectiron temas procedentes do teatro tradicional. No s XIX engadíronse os temas figurativos e a paisaxe. No s XIV a manufactura do papel chegou a Europa. Os primeiros gravados occidentais son do s XV e realizábanse a fibra. Producíanse imaxes destinadas aos xogos de naipes e imaxes relixiosas con escenas da Biblia e da vida de Cristo, da Virxe e dos Santos. No Renacemento destacaron as xilografías de Albrecht Dürer e a obra de Marcantonio Raimondi, pioneiro no emprego do gravado como forma de reprodución da obra doutros artistas. Desde o s XVI multiplicouse o número de temas e xurdiron novas técnicas. Jacques Callot destacou na técnica da augaforte e destacou na realización de gravados de temas históricos. Despois dunha época de auxe do gravado sobre metal, a xilografía rexurdiu no s XVIII coa obra de gravadores, como Gustave Doré. En Inglaterra, W. Hogarth, James Gillray e outros popularizaron o gravado satírico. No s XIX foi unha modalidade artística cultivada por moitos artistas que multiplicaron os temas representados. Destacaron Goya, autor de Los Caprichos, Los Desastres de la Guerra, La Tauromaquia e outras series de gravados, e Honoré Daumier, autor de numerosas litografías. Ademais, durante este século produciuse unha maior influencia da estampa xaponesa e, no ámbito das técnicas, un maior emprego da litografía. As vangardas do s XX tamén empregaron o gravado como fonte de expresión e como medio de investigación. P. Picasso, G. Braque, J. Miró, E. Kirchner e P. Klee, entre outros, realizaron gravados característicos dos movementos vangardistas que desenvolveron. Desde 1950 é unha das modalidades máis cultivadas por todos os artistas.
O gravado en Galicia
Desde o s XVII o principal centro de gravado foi Santiago de Compostela onde se realizaban xilografías e gravados ao buxo. Os gravados galegos dos primeiros anos do s XX continuaron a tradición estilística do s XIX. Destacaron Máximo Ramos, Manuel Castro Gil, Xulio Prieto Nespereira e Enrique Máyer Méndez. A renovación veu da man de Xaime Prada e Castelao, que introduciron o linogravado, e da escola linoleísta de Pontevedra que abriu o abano de temas, coa inclusión de escenas satíricas e políticas, e que os encamiñou cara á ilustración de textos. Destacaron, entre outros, Carlos Sobrino, Pintos Fonseca e Portela Paz, máis relacionados coas tradicións, e, entre os máis innovadores, Carlos Maside, Manuel Torres e Cándido Fernández Mazas. As vangardas de entreguerras reflectíronse na obra de Maruja Mallo e Eugenio Granell; mentres que o gravado realizado polos artistas que permaneceron en Galicia trala Guerra Civil se mantivo dentro da tradición, a renovación estilística veu da man dos exiliados e emigrados, entre outros, Laxeiro e, sobre todo, Luís Seoane. Nos anos sesenta desenvolveuse o grupo Estampa Popular Galega creado por Reimundo Patiño, Enrique Ortiz e Xaime Quessada e no que participaron, entre outros, A. Sevillano, T. Grandío, X. Pousa e X. Maside. Mantivo unha actitude estética heteroxénea, na que se incluíron entre outras tendencias as neofigurativas e a informalista. Na década de 1970, iniciativas como a súa incorporación á Bienal de Pontevedra, contribuíron á expansión do gravado. Cómpre destacar a fundación do obradoiro Serigrafía Galega, promovido por Á. Álvarez Blázquez, e da empresa Sega, onde publicaron as súas estampas I. Díaz Pardo, A. Pérez Bellas, Virxilio, A. Datas e X. L. de Dios, entre outros. Xunto a eles cómpre destacar a Conde Corbal. Entre as novas tendencias destacan Jorge Castillo, Alfonso Costa Beiro e Antón Pulido na nova figuración, Jesús Núñez e Manuel Facal na abstracción e Roberto González Fernández no terreo dos novos realismos. -
s
m
-
Resultado de gravar.
-
[ARTE/GRÁF]
Imaxe obtida pola estampaxe da prancha ou matriz de gravado con esta técnica. Recibe tamén os nomes de proba e estampa.
-
-
s
m
[ARTE/GRÁF]
Matriz de madeira, metal, pedra ou outro material susceptible de recibir tinta para trasladar ao papel ou a outra materia semellante tantas veces como se queira, mediante o proceso da impresión.
-
s
m
Debuxo ou ilustración que acompaña un texto impreso.
-
gravado rupestre
Resultado da representación dun deseño ou debuxo mediante incisión ou percusión sobre unha superficie pétrea natural. Coñecidos tamén como petroglifos, as técnicas empregadas para a súa realización poden ser variadas: incisión, picado, abrasión e percusión directa ou indirecta. Son un fenómeno universal tanto no espazo como no tempo; deste xeito existe arte rupestre en todos os continentes, e en moitas zonas localízanse gravados desde o Paleolítico Superior ata a época contemporánea, aínda que os petroglifos se desenvolveron maioritariamente nas chamadas sociedades non estatais. En sociedades estatais, os gravados rupestres redúcense a marcas nas rochas cun sentido territorial, como por exemplo a delimitación de señoríos xurisdicionais nas idades Media e Moderna, é dicir, os chamados petroglifos de termo. O gravado rupestre implica perdurabilidade, transformación do soporte e da paisaxe. A elección dun soporte natural adoita implicar a participación deste na composición. É unha arte suxeita ao espacio, xeralmente non transportable, polo que o seu contexto espacial, o seu contorno, participa no significado do panel e imprime sentido á paisaxe. A sociedade primitiva crea unha paisaxe con sentido, atribuíndo un significado aos seus elementos, como montañas, ríos e rochas. Polo tanto, os gravados rupestres perden relevancia coa aparición das sociedades estatais onde a tradición é rexistrada a través da escritura e o espazo ritual e relixioso se arquitecturiza. Por esta razón, co termo de gravados rupestres referímonos normalmente aos gravados prehistóricos.
O gravado rupestre en Europa
Os gravados máis antigos pertencen ao Paleolítico Superior. Os criterios para destacar as áreas con arte prehistórica ao aire libre baséanse na abundancia de rochas decoradas e no seu valor como ilustradores dunha época xa extinta. Distínguense dous grupos de gravados. O primeiro correspóndese con sociedades de cazadores-recolectores e caracterízase polo protagonismo do mundo animal, polo naturalismo das representacións e por composicións onde o ser humano ten un papel secundario; inclúense as representacións da arte franco-cantábrica, os gravados de Foz Côa, Siega Verde e Tras-os-Montes. Un segundo grupo relacionado con sociedades guerreiras, que en Europa se desenvolven desde o Neolítico Final ata a Idade do Ferro, caracterízase pola representación do mundo da caza e da guerra, en escenas onde a figura humana é a protagonista, reflectindo deste xeito o crecente papel da sociedade fronte á natureza, e, estilisticamente, polo abandono do naturalismo e a adopción de figuras esquemáticas e estilizadas. Neste segundo grupo inclúense as zonas dos Alpes italianos e franceses, a área escandinava e os petroglifos da área atlántica onde cómpre situar os das Illas Británicas e os de Galicia. Na arte paleolítica do N da Península Ibérica e do S de Francia desenvolvéronse gravados rupestres tanto parietais como en plaquetas, que nas covas se asocian ás pinturas e con contidos que non acostuman diferir destas. Podemos destacar a cova de Chauvet no S de Francia, onde os gravados chegan a adquirir o protagonismo que noutros sitios está reservado á pintura. As figuras de gravados e pinturas fan alusión ao mundo dos animais e ao dos humanos. Represéntanse bisontes, rinocerontes, cabalos, cérvidos, caprinos e mamuts, aínda que non faltan aves, peixes e felinos. Hai que sinalar a excepcionalidade da figura humana, agás as representacións de mans; tanto nas representacións femininas como nas masculinas destácanse os atributos sexuais primarios e secundarios, e, en termos xerais, a figura humana adoita aparecer con trazos lixeiramente animalizados ou simplemente represéntanse seres metade home, metade animal. En Foz Côa (Portugal) localízanse os gravados ao aire libre máis antigos de Europa. Son observables numerosas representacións de animais, especialmente cabalos, bóvidos, caprinos e cérvidos e algunhas especies xa extintas como o uro. Están en paredes de profundos canellóns á beira de pequenos ríos, espazo que recorda nalgún xeito á situación de arte paleolítica franco-cantábrica situada en covas. Un tipo de arte gravada moi semellante á de Foz Côa foi descuberta en Siega Verde (Salamanca) e en Tras-os-Montes, moi preto xa de Galicia, polo que non é desbotable que nos vindeiros anos aparezan máis zonas con gravados paleolíticos ao aire libre noutras zonas da Península Ibérica, incluída Galicia. Na Lombardia, ao pé dos Alpes italianos, está o que pode ser o conxunto máis importante de gravados rupestres europeos. Os principais estilos abarcan cronoloxías tan amplas como o Neolítico, a Idade do Ferro e a época romana, pasando por representacións da Idade do Bronce. Os gravados de Valcamónica destacan pola espectacularidade dos seus paneis, con abundantes e detalladas escenas alusivas ao tema da guerra e da caza. Cómpre destacar os detalles que ofrecen algunhas representacións de armas da Idade do Bronce e da Idade do Ferro como puñais, espadas e alabardas, guerreiros con helmos, escudos e incluso representacións de casas e celeiros, que en boa medida se parecen aos hórreos galegos. Nos Alpes Marítimos, no S de Francia, destaca a zona de Mont Bego, que comprende dúas grandes áreas, Valle delle Meraviglie e Fontanalba, con abundantes representacións dos chamados corniformes e armas da Idade do Bronce, e que hai que poñelos en conexión cos restantes estilos coetáneos europeos, especialmente os dos Alpes italianos. Na área escandinava existen dous grandes grupos, con estilos netamente distintos. O primeiro caracterízase pola representación de alces e localízase polo xeral nas ribeiras ou en rochedos situados no medio dos rápidos dos ríos; foron realizados por sociedades de cazadores-recolectores. O segundo grupo, situado en latitudes máis meridionais, S de Noruega, Suecia e Dinamarca, correspóndense con sociedades guerreiras propias da Idade do Bronce. En termos xerais trátase de escenas alusivas ao mundo da guerra e da caza, onde destacan representacións de guerreiros exhibindo armas e, especialmente, figuras de embarcacións particularmente abundantes neste estilo. Ambos os dous grupos, os de cazadores-recolectores, situados preto do Círculo Polar Ártico, e os da Idade do Bronce desenvólvense en cronoloxías similares, pero as comunidades que os realizaron son claramente distintas polo que os estilos dos gravados rupestres tamén o son. As escavacións arqueolóxicas realizadas no contorno dos petroglifos apuntan á posibilidade de que estes gravados fosen pintados usando diversos materiais, como arxila ou ocre. No caso de confirmarse isto último, é posible pensar que os gravados rupestres que se observan hoxe, non serían outra cousa que o acondicionamento dunha superficie para poder ser pintada, é dicir, que os sucos dos gravados serían superficies rugosas co fin de facilitar a adherencia dos pigmentos.
O gravado rupestre en Galicia
En Galicia, ao igual que na maioría das zonas con arte rupestre, os gravados posúen un amplo abano cronolóxico. Os elementos máis antigos deste tipo están en cámaras megalíticas pertencentes ao Neolítico (IV e III milenios a C) e os máis recentes son de época medieval e incluso moderna. Ademais, cómpre subliñar a posibilidade da existencia de petroglifos pertencentes á Idade do Ferro (I milenio a C), como os serpentiformes que aparecen no interior de castros e incluso fóra deles, como son os gravados con podomorfos, cruces inscritas en círculos e cadrados e ferraduras. Os gravados máis coñecidos son os pertencentes á Idade do Bronce (II milenio a C). Localízanse en terras dedicadas na actualidade a monte, aínda que non moi afastados das terras de cultivo. Están en penedos e laxes graníticas, presentan un suco moi erosionado e en ocasións son difíciles de observar. Dado o grao de meteorización sufrido polos sucos, é difícil comprobar a técnica empregada para a súa execución, aínda que o máis probable é que fosen feitos mediante percusión directa ou indirecta cun instrumento pétreo, posiblemente cuarzo ou cuarcita, cabendo a posibilidade dunha posterior acción abrasiva cos mesmos materiais co fin de uniformizar o suco. Distínguense dous tipos de deseños nos gravados rupestres da Idade do Bronce: os figurativos, nos que é posible identificar o que representan, como cervos, cabalos, figuras humanas e armas; e os abstractos, nos que non é posible coñecer o seu referente, como as cazoletas, círculos simples, círculos concéntricos, círculos con cazoletas, espirais e labirintos. A maioría dos petroglifos están nas comarcas de Terra de Montes, nas Rías Baixas e no Baixo Miño, aínda que non faltan gravados no resto de Galicia e N de Portugal, pero cunha densidade sensiblemente menor. En toda a área de distribución, aínda que con certas variantes comarcais, existe unha clara unidade estilística. O estilo caracterízase por ser a figura representada no espazo contido entre os sucos; por evitar os espacios internos das figuras excesivamente amplos, de xeito que os círculos tenden a encherse con puntos e círculos concéntricos, e os zoomorfos tenden a xuntar as liñas que configuran o lombo e o ventre; pola xeometrización dos motivos abstractos, a estilización das representacións de animais, a naturalización de armas e a esquematización das figuras humanas; os cuadrúpedes tenden a presentar a mesma anchura no pescozo, no tronco e nas patas; as formas naturais da rocha, como as pías, forman parte das composicións, asociándose en ocasións a combinacións circulares ou á mesma forma natural da rocha que semella funcionar como unha representación topográfica do terreo; os paneis presentan un punto de vista dominante, existe unha distribución vertical das figuras, situándose as combinacións circulares en zonas superiores e/ou horizontais do panel e os cuadrúpedes nas inferiores e inclinadas, finalmente obsérvase unha disposición das figuras en diagonal, feito especialmente visible nas representacións de cuadrúpedes. O contido dos gravados rupestres non reflicten a vida cotiá da sociedade que os gravou. As comunidades da Idade do Bronce practicaban a agricultura e a gandería como base subsistencial, pero os únicos temas representados son os relacionados coa caza e a guerra. Pódese supoñer, pois, que estas eran actividades consideradas máis prestixiosas. Nas escenas cinexéticas o único animal cazado é o cervo, motivo que pode estar relacionado coa importancia simbólica que este animal debía posuír. No mundo imaxinario destas comunidades a caza parece ser algo máis que unha función meramente lúdica ou subministradora de alimento, é unha actividade de forte contido ritual e posiblemente iniciático. En certa maneira, os petroglifos parecen funcionar como elementos lexitimadores do dominio de grupos sociais que se representarían a si mesmos como cazadores e guerreiros. A esta función lexitimadora con contidos míticos e rituais, poderíaselle engadir unha finalidade territorial, xa que se ten observado en numerosas comarcas unha disposición dos petroglifos rodeando serras, máis puntualmente nas entradas naturais a esas formacións montañosas, que permiten formular a posibilidade de servir como delimitadores territoriais, especialmente se se ten en conta que en zonas chairas destas mesmas serras foron localizados restos de poboados da Idade do Bronce. No ámbito da conservación dos gravados hai que subliñar a deterioración que están a sufrir os petroglifos desde a década de 1960 cos cambios dos usos tradicionais do monte (repoboación forestal, concentración parcelaria) e as circunstancias que veñen de tempos anteriores e que se continúan a observar: incendios forestais, canteiras incontroladas e desinterese por parte das diferentes administracións.