Greenberg, Joseph Harold

Greenberg, Joseph Harold

Antropólogo e lingüista. Doutorouse en Antropoloxía (1940) na Northwestern University (Evanston, Illinois). Foi profesor na University of Minnesota e, en 1962, trasladouse á Stanford University, onde permaneceu ata o seu retiro (1985). Ademais de estudar os universais, investigou as distintas familias lingüísticas. Na súa obra The Languages of Africa (1963) -publicara unha primeira versión co título Classification of African Languages (1955)-, clasificou todas as linguas de África en catro familias: níxer-congo, nilosahariana, afroasiática e khoisan. Tamén estudiou a clasificación xenética das linguas de Nova Guinea e de América do Sur. Para a primeira distinguiu dúas familias: a austronesia e a indopacífica; e para a segunda concluíu que existía unha estreita relación entre as linguas de América do Sur e as de América do Norte, e que as linguas indíxenas de América pertencían a tres familias: esquimó-aleutiana, na-dené e amerindia. A partir da década de 1990 investigou as linguas indoeuropeas. É autor de Essays in Linguistics (1957), Universals of Language (1961), Language Universals (1966), Universals of Human Language (1978), Language in the Americas (1987) e Indo-European and Its Closest Relatives. The Eurasiatic Language Family (1993). Foi membro da American Academy of Arts and Sciences, da National Academy of Sciences e da American Philosophical Society. Foi presidente da Linguistic Society of America, da African Studies Association e da West African Linguistic Society.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Brooklyn, Nova York

  • Deceso