Grenoble

Grenoble

Cidade do Delfinado, capital do departamento de Isère, Francia (151.847 h [1999]). Está situada nun cruzamento de vales: o val de Isère, que abre o camiño cara a Savoia, o Baixo Delfinado e as comarcas do Roine; e os vales do Drac e do seu afluente, o Romanche. A industria principal deriva do aproveitamento das fontes de enerxía local: turbinas e maquinaria eléctrica para as centrais hidroeléctricas. É un centro de investigación nuclear e tamén conta cun centro de ensino superior, a Université de Grenoble, fundada en 1339. Habitada polos alóbroxes, converteuse no s III na Gratianapolis romana e desde o s XVI nun importante centro comercial. Foi sede dos Xogos Olímpicos de Inverno en 1968. Do seu patrimonio cultural destacan a abadía de Saint Chef (s XII), a igrexa románica de Saint Pierre, o castelos de Bardonenche (s XVI) e o palacio de Casamaures (s XIX).