Guas

Guas

Familia de arquitectos de orixe bretona, activos en Castela a mediados do s XV. Destacaron Pedro Guas e o seu fillo Juan Guas (?-Toledo? 1496), que traballaron xuntos na porta de Los Leones da catedral de Toledo (1453-1459). O segundo foi arquitecto dos Reis Católicos desde 1472 e creador do estilo isabelino. Traballou na portada principal da catedral de Ávila (1461-1463), da que foi o seu mestre; na capela maior do mosteiro de El Parral en Segovia (1472-1475); no claustro (1472-1485) e na capela de San Miguel (1483) da catedral de Segovia; e en Toledo no trascoro da catedral, onde foi mestre maior desde 1484. Dirixiu as obras do palacio de El Infantado de Guadalajara (1480-1483) e interveu nas obras da cartuxa de El Paular en Madrid (1484-1486), do mosteiro de Santa Cruz de Segovia (1485-1486) e, desde 1484, nas da igrexa de San Juan de los Reyes en Toledo.