Guatemala
Capital da República de Guatemala e do departamento homónimo (1.015.303 h [2000]). É a cidade máis grande de todo o istmo centroamericano. O seu crecemento demográfico débese tanto ao crecemento natural como á inmigración. É o primeiro centro agrícola e comercial do país. As actividades principais son a exportación de café, as industrias de transformación do tabaco, as téxtiles, as alimentarias e as cerámicas. Fundouse en 1776 por un decreto de Carlos III para trasladar a capitalidade despois da destrución da antiga capital por un terremoto en 1773. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral (ss XVIII-XIX), as igrexas da Merced (ss XVIII-XIX) e de San Francisco (1800-1851), e o palacio nacional. Salientan, tamén, os museos Ixchel, Popol Vuh e o arqueolóxico.