guatemalteco -ca

guatemalteco -ca

(< topónimo Guatemala)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Guatemala ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Guatemala.

  3. arte guatemalteca [ARTE]

    Arte desenvolvida en Guatemala. Da época precolombina consérvanse xacementos maias nas áreas de El Petén, a conca do Montagua e o altiplano, Piedras Negras, Tikal, Uaxactún, Quiriguá e Kaminaljuyú. No eido da arquitectura destacan os templos pirámides, os observatorios astronómicos, as prazas e os palacios. Desenvolveuse a escultura en pedra e madeira, tanto en relevo coma en vulto redondo, a pintura ao fresco e a cerámica pintada. Coa conquista española apareceu unha arte colonial na que se mesturaban elementos hispanos e indíxenas. A arquitectura barroca caracterizouse pola horizontalidade e pola escasa altura de torres e fachadas, na que destacan as catedrais de Antigua Guatemala e de Guatemala. A escultura acadou o seu esplendor no s XVII coa obra de Alonso de Paz, frei Cristóbal de Ochoa e Antón de Rodas. Dos pintores cómpre destacar a Antonio de Montúfar. No s XVIII arquitectos procedentes de España introduciron o neoclasicismo. Na transición entre o s XVIII e o s XIX sobresaíron S. Francisco Marqui e Bernardo Ramírez, autores da Universidad de Guatemala (1790), e Pedro Garcí-Aguirre, autor das igrexas de Santo Domingo e San Francisco. No s XIX impúxose o neoclasicismo coa obra de Miguel Rivera Maestre, autor do Congreso Nacional (1855). O historicismo representouno Rafael Pérez de León, autor do Palacio Nacional (1919). En 1797 fundouse a Escuela de Dibujo da Sociedad Económica onde se desenvolveron as tendencias euroepas. Ao redor de P. Garcí-Aguirre, o seu director, formáronse, entre outros, os gravadores Francisco Cabrera e Casildo España, o pintor Juan José Rosales e o escultor Martín Abarca. No s XX a arquitectura tivo un maior contacto con EE UU. Na capital do país construíronse, entre outros, o Palacio Municipal (1956) e o Banco Central de Guatemala, situados no Centro Cívico de Guatemala. No eido das artes plásticas destacaron os muralistas Alfredo Gálvez Suárez, Carlos Mérida, Guillermo Grajeda Mena e Roberto González Goyri, e o escultor Rodolfo Galeotti Torres.

  4. literatura guatemalteca [LIT]

    Como expoñente da literatura precolombina destaca Popol vuh, transmitido oralmente e posto por escrito en lingua quiché, en caracteres latinos (s XVI), e dos primeiros tempos da conquista o Libro de los libros de Chilam Balam. Co romanticismo apareceron novos prosistas e poetas, e Vicenta Laparra de Lacerca iniciou o teatro moderno. O modernismo deu as figuras do poeta Domingo Estrada e do polígrafo Enrique Gómez Carrillo e no s XX destacaron Rafael Arévalo Martínez, Luis Cardoza y Aragón e Miguel Ángel Asturias (Premio Nobel de Literatura en 1967). Posteriormente, sobresaíron Mario Monteforte Toledo, Manuel Galich, Otto-Raúl González, Leonor Paz y Paz, Otto-René Castillo, Augusto Monterroso (Premio Príncipe de Asturias 2000), Julia Esquivel, Luz Méndez de la Vega (Premio Nacional de Literatura Miguel Ángel Asturias 1994), Marco Antonio Flores e Roberto Obregón Morales.

Palabras veciñas

Guatemala | Guatemala | Guatemala | guatemalteco -ca | Guau... Guau! | Guaviare | Guaviare