Guerra Civil Española
Conflito civil acontecido en España entre xullo de 1936 e abril de 1939. A guerra desencadeouse como consecuencia do fracaso da convivencia entre as forzas de dereitas e esquerdas durante a Segunda República. A insurrección iniciárona as gornicións do protectorado marroquí o 17 de xullo de 1936; o día 18 uníronse ao alzamento os xenerais M. Goded nas Illes Balears e F. Franco en Canarias; este último tomou o mando do exército de Marrocos o día 19. O que nun principio se presentaba como un golpe de estado converteuse nun conflito fratricida ao triunfar a insurrección só nalgunhas zonas: Castela a Vella, León, Galicia, Navarra, Zaragoza e Sevilla. En Madrid, Barcelona, Castela a Nova, a costa Mediterránea, case todo o Cantábrico, gran parte de Andalucía e Extremadura, a insurrección foi sufocada polas forzas leais á República. O golpe militar estoupou en Galicia o 20 de xullo; o día 21 caeron en mans dos sublevados A Coruña e Ferrol e nos días seguintes foron sufocados os núcleos de resistencia de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e Vigo. O día 26 foron sometidos os dous últimos núcleos: Tui e Lavadores. Tralo triunfo do alzamento iniciouse un proceso de represión e persecución de disidentes a través da eliminación física, o exilio e a depuración. Ao elevado número de mortos, hai que sumarlle a decapitación da elite cultural e política e o afincamento da dependencia nacional.
As dúas zonas
Na zona dominada polos sublevados ou nacionais o poder foi asumido polos militares. O 29 de setembro de 1936 a Junta de Defensa Nacional de Burgos, constituída o 23 de xullo, nomeou a F. Franco xeneralísimo de todos os exércitos, e o día 30, xefe do goberno. Franco constituíu o primeiro goberno en Burgos o 30 de xaneiro de 1938 e estruturou un Estado autoritario e politicamente inspirado na ideoloxía da Falange Española. Na zona republicana, os partidos políticos da Frente Popular e as organizacións obreiras constituíron un poder paralelo ao poder estatal, que iniciou unha serie de reformas sociais (colectivizacións) e que organizaron as súas propias milicias armadas. O 6 de novembro de 1936, o goberno deixou Madrid, ameazado directamente polas forzas de Franco e trasladouse a València. En Madrid permaneceu unha Junta Delegada de Defensa, presidida polo xeneral José Miaja. Os sucesos de maio de 1937, nos que se enfrontaron en Catalunya a Generalitat, presidida por L. Companys, o Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e a Unión General de Trabajadores (UGT) co Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM) e a Confederación Nacional del Trabajo-Federación anarquista Ibérica (CNT-FAI), marcaron un acontecemento histórico na zona republicana. O 18 de maio caeu F. Largo Caballero e J. Negrín formou un novo goberno con máis influencia comunista. Negrín abandonou o dobre obxectivo guerra-revolución para dirixir todos os esforzos na guerra.
As operacións bélicas
O plan dos militares sublevados comportaba unha operación converxente sobre Madrid. As columnas procedentes de Valladolid e de Navarra foron detidas polas milicias na serra de Madrid. Por outro lado, as forzas de Marrocos, despois de atravesaren o Estreito (5 de agosto de 1936), contribuíron a consolidar as posicións en Córdoba e en Granada e avanzaron cara ao N. Coa toma de Badajoz (14 de agosto), enlazaron Andalucía con Castela e o resto da zona N non republicana. Despois avanzaron polo val do Tajo cara a Madrid. Mentres, o xeneral Mola chegaba preto de Irún e Donostia. No lado republicano, as tropas catalanas ocuparon a parte oriental de Aragón, ás portas de Huesca e de Zaragoza, e unha forza naval procedente de Barcelona e València desembarcou en Mallorca (16 de agosto), pero a operación fracasou (4 de setembro). O 19 de outubro Franco ordenaba a ocupación de Madrid. Os nacionais iniciaron unha operación de cerco que deu lugar aos ataques sobre a estrada da Coruña (29 de novembro de 1936-16 de xaneiro de 1937), a Batalla do Jarama (11-23 de febreiro de 1937) e a Batalla de Guadalajara (8-22 de marzo de 1937), na que o Corpo di Truppe Volontarie italiano foi batido ata a súa retirada. A guerra relampo converteuse nun longo conflito con serias implicacións internacionais. Franco planeou a conquista da zona norte (Asturias, Santander, Bizkaia), illada do resto da zona republicana, e con ela os seus importantes recursos enerxéticos, industriais e demográficos. O bombardeo de Gernika pola lexión Cóndor (26 de abril) e a toma de Bilbao (17 de xuño) remataron coa resistencia de Bizkaia. As ofensivas republicanas en Brunete (5-24 de xullo) e Belchite (agosto) non lograron evitar a toma de Santander (26 de agosto) e Gijón (20 de outubro) polos nacionais. O ano 1938 abriuse coa ofensiva do exército republicano na fronte de Aragón, concretamente coa toma de Teruel polo xeneral Rojo. A contraofensiva nacional recuperou esta praza ao mes seguinte e continuou o seu avance cara ao Mediterráneo; o 15 de abril chegou a Vinaròs e partiu en dous a zona republicana. Nos dous meses seguintes Franco consolidou as súas posicións na costa, mentres o exército republicano preparaba a Batalla do Ebro, iniciada o 25 de xullo, e que rematou o 16 de novembro co repregamento republicano. O 23 de decembro o exército franquista iniciou a ofensiva de Catalunya, que progresou rapidamente; o 15 de xaneiro de 1939 caeu Tarragona, o 26 Barcelona, o 4 de febreiro Girona, e o 10 finalizou a campaña. Medio millón de persoas, entre civís e militares, pasaron a territorio francés. Negrín volveu a València, onde, coa axuda dos comunistas, preconizou unha resistencia a ultranza, e M. Azaña dimitiu da presidencia da República xa en territorio francés (27 de febreiro de 1939). O líder da fronte do centro, o coronel S. Casado, en colaboración co político socialista J. Besteiro, formou en Madrid (6 de marzo de 1939) un consello de defensa que tentou chegar a unha paz pactada. O 26 de marzo de 1939 as tropas de Franco romperon a fronte case sen oposición, e o 28 entraron en Madrid, o 30 en València, e o 1 de abril de 1939 o xeneral Franco deu o último e vitorioso comunicado de guerra. A Guerra Civil española foi unha das primeiras guerras nas que a aviación apareceu como arma; do lado republicano loitaron pilotos soviéticos en escuadrillas mixtas, e co xeneral Franco loitaron, ao lado dos aviadores españois, os italianos da Aviación Lexionaria e os alemáns da lexión Cóndor.
A intervención estranxeira
Desde o primeiro momento da guerra as grandes potencias europeas fixeron esforzos que tenderon a limitar o conflito a un ámbito exclusivamente español e evitar unha guerra europea. O Reino Unido e Francia propuxeron a política de non intervención (o comité pola non intervención reuniuse en Londres por primeira vez o 9 de setembro de 1936), que obstaculizou a chegada de axuda ao bando republicano pero que non impediu a axuda italoalemana ao goberno de Burgos, ao que achegaron armamento e forzas militares. A República contou coa achega de material de guerra a través da URSS, pero coa esixencia de pagamento ao contado e con certa intermitencia. Ademais, a República coa axuda do Komintern, recrutou voluntarios antifascistas estranxeiros cos que organizou as Brigadas Internacionais.