Guerras Cántabras

Guerras Cántabras

Campañas emprendidas polo exército romano na Península Ibérica contra galaicos, ástures e cántabros, entre o 29 e 19 a C. Entre as causas desta guerra inclúense a búsqueda de prestixio persoal polo Emperador Augusto, o control sobre as riquezas mineiras da rexión e a protección dos territorios da meseta das frecuentes incursións destas poboacións. Os combates estendéronse dende o Miño ata os Pireneos e no 27 a C o mesmo Augusto dirixiu as operacións á fronte de 7 lexións. Os romanos rodearon a Cornixa Cantábrica de campamentos lexionarios e atacaron simultaneamente en tres columnas: polo L dende Segisamo (Sasamón, Burgos), polo centro dende Astúrica (Astorga) cara ao Bierzo e Asturias, e dende Bracara (Braga) cara a Galicia. Os indíxenas resistiron os ataques e emprenderon unha guerra de guerrillas aproveitándose da orografía. Derrotados no 25 a C, os supervivientes foron vendidos como escravos nas Galias, pero no 24 a C producíronse novas sublevacións, que se repetiron no 22 a C. Despois dunha nova sublevación no 19 a C, Marco Vipsanio Agripa dirixiu as tropas romanas e acadou a vitoria. Para evitar novas rebelións escravizou a maior parte dos homes e dispersou as poboacións, que foron asentadas nas chairas.