Guerras Celtiberas
Loitas entre os celtiberos e os romanos que se estenderon entre o 154 a C e o 133 a C. O exceso de poboación dos territorios celtiberos e a dureza do clima, levou as tribos celtiberas a realizar incursións de saqueo nos territorios dominados polos romanos no val do Ebro e a Meseta Sur. Trala sublevación e as primeiras vitorias dos lusitanos, produciuse a rebelión dos celtiberos, liderada por Caro, que se negaron a pagar os tributos. Durante a Primeira Guerra Celtibera (154 a C-152 a C) derrotaron os romanos en varios enfrontamentos, ata que a política conciliadora de Claudio Marcelo negociou un acordo de paz. No 143 a C iniciouse unha nova sublevación, coñecida como Segunda Guerra Celtibera, que se estendeu ata o 133 a C. Os xenerais romanos Quinto Cecilio Metelo, Quinto Pompeio Aulo e Caio Hostilio Mancino sucedéronse no sitio de Numancia. A partir do 137 a C levantouse temporalmente este sitio, pero no 134 a C o Senado romano outorgoulle o mando das operacións a P. Escipión Emiliano, que organizou o cerco e conquistou a cidade.