Güiana
Rexión do NL de América do Sur que se estende desde o río Orinoco ata o Atlántico e que comprende a Guyana Francesa, Suriname, o sector SL de Venezuela e unha parte de Brasil. É un antigo macizo cristalino que sufriu unha peneplanación, composto por rochas metamórficas do Precámbrico e intrusións graníticas, que deu lugar a un relevo tabular moi característico (tepuyes). Cara á periferia do macizo predominan os relevos en cuesta, ata chegar ás chairas costeiras formadas por depósitos aluviais onde se concentra a poboación. A rede hidrográfica articúlase a través dos ríos Orinoco, e os seus afluentes pola dereita, e Branco, da conca do Amazonas. O clima é ecuatorial, cunha estación seca e outra chuviosa. A vexetación vai dende a selva ecuatorial ata a sabana arbórea e a herbácea. No interior hai xacementos de ferro, ouro e diamantes. Habitada por tribos caribes, arauacos e tupis, as costas da Güiana foron descubertas por Vicente Yáñez Pinzón en 1500. A lenda de Eldorado motivou numerosas expedicións de exploradores hispánicos nas terras dos indios e atraeu os ingleses, que ocuparon a parte central, e dende o s XVII os franceses, que colonizaron a parte oriental, e os holandeses, que se situaron na rexión occidental. A expansión holandesa polo Amazonas fíxose a costa dos portugueses, mentres que a colonización hispánica estivo limitada á Güiana venezolana, e en 1669 os ingleses cedéronlles a súa zona de influencia aos holandeses. A parte francesa foi escasamente colonizada e durante as guerras napoleónicas (1808-1817) foi asediada polos portugueses, e anexionada a Brasil; pero en 1817 volveu a Francia que a empregou como lugar de confinamento de delincuentes. Os ingleses ocuparon as rexións de Essequibo, Demerara e Berbice, que en 1831 constituíron a Guyana. A escravitude foi abolida, sucesivamente na zona británica (1834), na francesa (1848) e na holandesa (1865). A mediados do s XIX o descubrimento de ouro provocou a anexión dunha parte da Güiana por Venezuela, e o Brasil ocupou a rexión inexplorada de Amapá. A rexión da Güiana que limita con Venezuela foi territorio das misións confiada aos capuchinos dende comezos do XVIII. Cando se produciron as loitas pola independencia en Venezuela, os insurxentes ordenaron a incorporación dos indíxenas ao exército. A esta realidade opuxéronse os capuchinos, feito que favoreceu a fuxida dos indios e que provocou o saqueo das misións e a execución dunha parte dos relixiosos en xullo de 1817.