Guillerme I de Inglaterra o Conquistador
Rei de Inglaterra (1066-1087) e duque de Normandie (Guillerme II, 1035-1087), fillo ilexítimo de Roberto I de Normandie. Declarado como lexítimo herdeiro á morte do seu pai, impuxo a súa autoridade nas rebelións nobiliarias normandas de 1047 coa axuda de Enrique I de Francia, de quen era vasalo. Casado en 1051 con Matilde de Flandres, á morte de Eduardo III de Wessex (1066) reclamou o trono inglés coa bendición papal e a neutralidade do emperador. En setembro de 1066 desembarcou en Pevensey e enfrontouse con éxito ás tropas anglosaxonas, lideradas por Harold II, na Batalla de Hastings. Tras ser coroado en Westminster, confirmou o seu carácter de vasalo do rei de Francia e reprimiu duramente a oposición anglosaxona. Durante o seu goberno estableceu en Inglaterra o modelo feudal europeo, disolveu os grandes condados e transferiu o dominio territorial aos seus baróns, pero centrou a xerarquía feudal sobre a efectiva autoridade real. Obrigou a recoñecer a xurisdición dos tribunais locais e realizou a primeira compilación catastral inglesa, o Domesday Book. Á fin do seu reinado dividiu os seus territorios entre o seu fillo Roberto Courteheuse, a quen cedeu o ducado de Normandie, e o seu fillo Guillerme, a quen entregou Inglaterra. Foi soterrado na abadía de Saint-Étienne de Caen.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Falaise -
Deceso
Lugar : Rouen