Guinea Ecuatorial

Guinea Ecuatorial

[Nome oficial cast: República de Guinea Ecuatorial] Estado de África occidental, que comprende unha parte continental (Mbini), situada entre Camerún ao N e Gabón ao L e ao S, e diversas illas do golfo de Guinea: Bioko, Pagalu, Corisco, Elobey Gran e Elobey Petit (28.051 km2; 464.000 h [estim 2001]). A capital é Malabo.
Xeografía
A parte continental, ou Mbini, está formada por unha chaira litoral de 15 a 25 km de longo, dominada ao L polo zócolo antigo, que se eleva ata os 1.200 m no monte Mitra e que os principais ríos, como o Benito, atravesan en rápidos. O clima é cálido e húmido, con chuvias moi abundantes. O bosque denso ecuatorial cobre case todo o territorio. A vexetación natural foi destruída fortemente pola deforestación. A economía baséase na agricultura, que produce cacao, café, plátanos, aceite de palma, cacahuetes e cocoteiros e, para o consumo do país, mandioca e pataca doce sobre todo. O bosque cobre o 46% da superficie total e constitúe a principal fonte de riqueza natural. A industria redúcese á elaboración de cacao, á fabricación de aceites, de xabóns, á preparación da madeira e á produción de enerxía térmica. Non ten ferrocarril e dispón de poucas estradas transitables todo o ano. Exporta cacao, madeira e café, e os principais clientes son Camerún, Nixeria e España. As importacións céntranse en alimentos, petróleo, material de transporte e maquinaria, e proceden de Camerún, Liberia e España. A balanza de pagamentos é negativa. Cando accedeu á independencia, adoptou unha moeda, o epkwele, pero a comezos de 1985 adoptou o franco CFA. A independencia comportou a expulsión e a fuxida dos empresarios españois e dos terratenentes nixerianos. A poboación é de raza bantú e fang en Mbini e bubi en Bioko. O 76% da poboación habita en Mbini, e o 51,8% da poboación é rural.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O 82,9% da poboación pertence ao grupo fang. Os bubi constitúen a principal minoría (9,6% da poboación). Os ndowe (3,8%) e os annobonesios (1,5%) son as outras minorías étnicas do país. O 93,6% dos habitantes do país profesan o catolicismo. O 5% practican cultos animistas, mentres que os musulmáns constitúen o 0,5%. A lingua oficial é o castelán, pero tamén se fala maioritariamente o fang.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 2000 situaba a Guinea Ecuatorial entre os países cun desenvolvemento humano medio (no posto 110º, cun índice do 0,61). Este indicador desgregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 52 anos para os homes e de 56 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 83,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 64%; e o PNB real por habitante é de 15.073 $ EE UU
Goberno e política

Colonia española, acadou a independencia o 12 de outubro de 1968. Pola Constitución de setembro de 1991, que foi modificada en 1995, o poder executivo reside no presidente do goberno, elixido por votación popular para un período de sete anos. O presidente designa o primeiro ministro e o consello de ministros. O poder lexislativo reside na Cámara de Representantes del Pueblo, unicameral e formada por 80 membros elixidos directamente por sufraxio popular para un período de cinco anos. O sistema legal baséase parcialmente no sistema legal civil español e nos costumes tribais. Á fronte do poder xudicial sitúase o Tribunal Supremo. Permanece en vigor a pena de morte. Entre os movementos políticos históricos destacaron o Movimiento Nacional de Liberación de Guinea Ecuatorial (MONALIGE), o Movimiento de Unión Nacional de Guinea Ecuatorial (MUNGE), a Idea Popular de Guinea Ecuatorial (IPGE) e o Partido Único Tradicional de los Trabajadores (PUNT). Os principais partidos políticos son o Partido Democrático de Guinea Ecuatorial (PDGE), liderado polo presidente Teodoro Obiang Nguema; Unión Popular (UP), liderado por Andrés Moisés Bda Ada; Convergencia para la Democracia Social (CPDS), dirixido por Plácido Miko Abogo; Alianza Democrática Progresista (ADP), liderada por Victorino Bolekia Bonay, e o Partido para el Progreso de Guinea Ecuatorial (PPGE), liderado por Severo Moto. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA e é membro asociado da UE, da Comunidade Económica dos Estados de África Central e da Cooperación Financeira de África Central.
Historia

Os primeiros contactos cos europeos
Cara ao s XIII o pobo fang estableceuse na rexión do río Muni, desprazando á poboación pigmea, da que perviviron pequenos grupos, e estendeuse polas illas. A illa de Bioko foi descuberta polo portugués Fernando Poo en 1472, que a denominou orixinalmente Formosa, pero que pronto cambiou o seu nome polo de Fernando Poo. Polo Tratado de San Ildefonso (1777), confirmado posteriormente polo de El Pardo (1778), España fíxose coa posesión das illas de Fernando Poo e Annobón, e o dereito a comerciar libremente no litoral costeiro entre o Cabo Formosa, na desembocadura do Níxer, e o Cabo López, ao S do Río Gabón, a cambio da colonia de Sacramento. Enviouse desde Montevideo unha expedición dirixida polo conde de Argelejos para tomar posesión destas terras, pero sufriron graves enfermidades que provocaron o amotinamento das tripulacións e o fracaso da misión. As illas permaneceron practicamente illadas da metrópole durante anos, polo que os ingleses tentaron establecer un protectorado para controlar o tráfico de escravos no golfo de Guinea. A partir de 1830 sucedéronse as expedicións españolas, dirixidas por Marcelino Andrés (1830) e Moros Morellón (1836-1839).
A lenta colonización
Pese as presións dos ingleses para mercar a illa (1841), o goberno español negouse a vendela pola presión popular e, a partir dese momento, apoiouse a presenza española nestes territorios. En 1843 enviouse unha expedición ao mando de Juan José de Lerena e, desde ese momento, instaláronse factorías para intercambiar produtos cos nativos. A mediados do s XIX nomeouse o primeiro gobernador de Guinea, Carlos Chacón, e a poboación incrementouse con presos españois deportados e negros emancipados en Cuba, que integraron a garda colonial. A interacción entre bubis e europeos levou á aparición dunha poboación crioula, os fernandinos. Cara a mediados do s XIX, os europeos empezaron a desenvolver as plantacións de cacao, explotadas por compañías españolas, mentres que os fernandinos e os escravos liberados tiñan que conformarse con pequenas posesións. A finais do s XIX o incremento da demanda internacional de cacao levou ao goberno colonial español a aumentar os investimentos nas plantacións de Bioko. A rexión do río Muni, na Guinea continental, poboada principalmente polos fang, foi explorada a partir da segunda metade do s XIX por Pedro Arriola Abengoa, Amado Osorio e Manuel Iradier, que conseguiron o apoio de numerosos monarcas indíxenas, necesario para reclamar estes territorios fronte a outras potencias europeas. A delimitación das posesións continentais españolas no Tratado de París (1900) supuxo a perda da maior parte dos territorios que recibira na Conferencia de Berlín en favor dos franceses.
O desenvolvemento económico da colonia
Na década de 1920 Fernando Poo chegou a ser o maior produtor de cacao do mundo, pero as pésimas condicións dos traballadores estranxeiros foron denunciadas fronte á Liga de Nacións. Mentres, a comezos do s XX iniciouse a produción de aceite de palma, café e cacao en Río Muni, pero as diferencias climáticas impediron o seu desenvolvemento e a maioría da poboación do continente continuou dedicándose á agricultura de subsistencia. O goberno colonial implantou unha administración formada case exclusivamente por españois, mentres que os africanos ocupaban postos subalternos. Construíronse infraestruturas e o goberno tentou implantar unha economía monetaria entre a poboación africana mediante a creación de impostos, os traballos forzados e os incentivos para a explotación dos cultivos. Os colonos españois de Fernando Poo apoiaron o bando sublevado na Guerra Civil impoñéndose despois de recibir reforzos procedentes das Illas Canarias. A necesidade de materias primas durante a posguerra española e a Segunda Guerra Mundial, obrigaron o goberno español a apoiar a colonización e mellorar a súa administración, coa creación de 13 administracións territoriais.
A provincia
Transformouse nunha provincia en 1956, dotada dun réxime económico máis favorable ca as provincias peninsulares, e os nativos acadaron os mesmos dereitos teóricos ca os cidadáns de España (1959). O goberno español tardou en transferir responsabilidades á poboación africana, fronte aos modelos ingleses e franceses. Durante as décadas de 1950 e 1960, tralo acceso á independencia da maioría dos países africanos, comezaron as presións internacionais e da ONU sobre España para que lle concedese a autodeterminación. A colonia acadou a autonomía interna en 1963, independencia que permitiu a existencia legal de tres formacións: MONALIGE, MUNGE e IPGE. En 1964 estableceuse un poder lexislativo e Ondo Edu foi elixido presidente do consello executivo, pero España conservou o seu dereito a veto. A Constitución de 1967, que outorgaba a independencia a Guinea, estaba inspirada pola España franquista e prevía un forte poder presidencial.
O goberno de Macías
Macías Nguema, líder da coalición formada polo IPGE, o MUNGE e o MONALIGE, acadou a maioría dos votos na zona rural de Río Muni, pero os fang con formación e os bubis, votaron a Ondu Edu. En outubro de 1968 proclamouse república independente e Macías converteuse no primeiro presidente. Co pretexto dun presunto golpe de estado, Macías iniciou a represión violenta da oposición en 1969, cando Ondu Edu foi asasinado durante un arresto domiciliario. En 1970 disolveu os partidos políticos, creou o PUNT e declarouse presidente vitalicio. A organización Juventud en Marcha con Macías impuxo un réxime do terror e sucedéronse as persecucións e os ataques aos españois, o que levou á súa evacuación polo goberno. En 1973, a cuarta parte da poboación de Guinea Ecuatorial exiliárase, mentres que a maioría da elite intelectual, política e económica fuxira ou fora asasinada. Os ataques físicos aos traballadores nixerianos polas forzas do goberno obrigou a Nixeria a evacuar os seus cidadáns en 1976, uns 25.000 traballadores que manexaban as plantacións de cacao, base das exportacións do país.
A Guinea de Obiang
O goberno de Macías foi derrocado o 3 de agosto de 1979 por un golpe de estado encabezado por Teodoro Obiang Nguema, sobriño de Macías, co apoio do goberno español. Despois da execución de Macías en setembro de 1979, comezou un período de persecucións e detencións indiscriminadas. Nas eleccións lexislativas de agosto de 1982 votouse unha lista única que xurdiu do partido oficialista. O presidente Obiang fíxose co control do país a través dos postos de xefe do estado, comandante das forzas armadas e xefe do partido gobernamental PDGE. Repartiu entre os membros da súa familia e os seus colaboradores os postos de xestión do goberno. En xuño de 1986 o réxime multiplicou a represión como consecuencia dun intento de golpe de estado. Obiang foi reelixido en xuño de 1988 e, despois dunha visita a Francia en setembro dese ano, produciuse un achegamento e posteriormente solicitou a integración nos países francófonos. Durante a década de 1980 e comezos da década de 1990 a actividade económica estivo centralizada polo contorno presidencial e desenvolveuse unha economía monetaria, ao tempo que recibiu axudas do FMI para investimentos públicos e a reforma do sistema bancario. Os desexos de Obiang Nguema de conseguir investimentos estranxeiros obrigárono a unha certa apertura e a mediados de 1991 legalizáronse os partidos políticos, rematou a censura da prensa e aprobouse en referendo unha nova Constitución, que foi rexeitada pola oposición porque autorizaba a renovación indefinida dos mandatos presidenciais. En 1993 a ONU divulgou un informe en que denunciaba a sistemática violación das liberdades básicas dos opositores políticos e acusou a Obiang de estar involucrado no atentado contra o embaixador de EE UU. Nas eleccións pluripartidistas de febreiro de 1996, consideradas fraudulentas polos observadores internacionais, acadou o 98% dos votos. Mentres, os políticos da oposición que fixeron campaña sufriron malos tratos e foron encarcerados. Despois do descubrimento de xacementos de petróleo (1995) e o comezo da súa exportación ao ano seguinte, o país triplicou o seu PIB entre 1996 e 1999. A violencia institucionalizada contra os bubi, practicada polo grupo dominante fang, desembocou nunha revolta en Bioko o 21 de xaneiro de 1998. O seu fracaso foi acompañado dunha brutal represión. As reformas para a liberalización do réxime permaneceron bloqueadas e continuaron as masivas violacións dos dereitos humanos. Non obstante , o país reanudou as súas relacións con España (2001). Entre o 23 de maio e o 9 de xuño do 2002, celebrouse en Malabo un xuízo contra 144 acusados de atentar contra a seguridade do Estado.