Gutiérrez Mellado, Manuel

Gutiérrez Mellado, Manuel

Militar. Formouse na Academia General Militar de Zaragoza (1929) e accedeu ao grao de oficial en 1933. Durante a Guerra Civil formou parte dos servicios de intelixencia dos sublevados e ascendeu a capitán (1938). Comandante dende 1944, ascendeu a tenente coronel en 1957 e a coronel en 1965, cando foi destinado ao Estado Maior Central do Exército. En 1970 ascendeu a xeneral de brigada e integrouse no CESEDEN (Centro Superior de Estudios de la Defensa). Xeneral de división (1973), foi destinado ao Alto Estado Maior como segundo xefe e en 1975 a Ceuta como comandante xeneral. En 1976 foi nomeado capitán xeneral da VII Rexión Militar. Vicepresidente primeiro para Asuntos da Defensa desde setembro de 1976, asumiu o ministerio de Defensa desde setembro de 1977. En 1979 deixou o ministerio e permaneceu na vicepresidencia primeira para Asuntos da Defensa. Durante o intento de golpe de estado de 23 de febreiro de 1981 destacou pola súa actitude decidida diante dos insurrectos. Membro do Consello de Estado desde 1984, impulsou a creación da Fundación de Ayuda contra la Drogadición (FAD) en 1986 e foi profesor principal do CESEDEN. En 1994 concedéuselle con carácter honorífico o emprego de capitán xeneral. Escribiu, entre outras obras, Un soldado de España (1983).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Madrid

  • Deceso

    Lugar : Guadalajara