Guzmán y Pimentel, Gaspar de

Guzmán y Pimentel, Gaspar de

Valido de Filipe IV (1623-1643), terceiro conde de Olivares (1607-1645), duque de Sanlúcar de Barrameda e grande de España, fillo de Enrique de Guzmán y Conchillos. Coñecido como conde-duque de Olivares, estudiou dereito na Universidad de Salamanca. Elixido xentilhome da cámara do príncipe (1615), ocupou trala subida ao trono de Filipe IV os cargos de sumiller de corps (1621) e cabaleirizo maior (1622), antes de se converter, trala morte do seu tío e protector Baltasar de Zúñiga, en valido do rei. Malia intitularse conselleiro real, presidiu todos os consellos e xuntas de Estado e creou unha ampla rede de favores, mediante o reparto de distincións sociais e recompensas económicas, o que lle permitiu acabar con posibles competidores. Herdeiro ideolóxico do arbitrismo e da tradición imperial, concibiu un programa político baseado en manter a hexemonía dos Habsburgo hispánicos en Europa, para o que era necesario unha serie de reformas. A súa política reformista, recollida no Memorial de 1624, caracterizouse polo intento de reparto dos custos da defensa da monarquía hispánica entre todos os reinos da coroa, proposto na Unión de Armas, a reforma da facenda e o establecemento dun sistema bancario nacional vinculado á coroa. Os proxectos do conde-duque encontraron a oposición das cortes dos reinos de Portugal e Aragón, que o consideraron un ataque aos seus foros e se limitaron ao pago dunha contribución extraordinaria para facer fronte aos gastos da Guerra dos Trinta Anos. Non obstante , as necesidades militares e financeiras provocadas polos conflitos nos Países Baixos e Mantua (1628-1631), obrigaron ao valido a tomar unha serie de medidas impopulares, como a confiscación das rendas dos xuros, as requisas sobre o comercio americano e a creación da media annata. O recruamento dos enfrontamentos con Francia (1635) obrigou a tomar novas medidas militares, como o afastamento dos tercios en Catalunya, o que acabou provocando a Guerra dels Segadors (1640-1652). En 1640, aproveitando a conxuntura política e apoiados discretamente por Francia e Inglaterra, produciuse tamén a rebelión de Portugal. Os seus fracasos militares e políticos levaron a Filipe IV, baixo a presión de certos sectores da nobreza, a prescindir del en 1643. Durante o seu retiro escribiu Nicandro o Antidoto contra las calumnias que la ignorancia y embidia ha esparcido por desluzir y manchar las... acciones del Conde Duque de Olivares (1643?).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Roma

  • Deceso

    Lugar : Toro