Haití
Estado das Antillas, no sector occidental da illa La Española, (27.700 km2; 8.270.000 h [estim 2001]). Limita ao L coa República Dominicana. A capital é Port-au-Prince.
Xeografía
Haití está formado por unha franxa central con materiais antigos e cordilleiras terciarias do dobramento antillano, dentro das que se encontran depresións cubertas por materiais do Cuaternario. A rede hidrográfica é moi irregular; o río máis importante é o Artibonito. O clima é tropical marítimo e sofre moitos ciclóns. A selva primitiva converteuse nunha sabana herbácea. Haití é o país máis depauperado da área circuncaríbica, cun PNB de 3.584 millóns de dólares en 1999, o que representa unha renda per cápita de só 410 dólares anuais. O sector primario achega o 30% do PNB e dá emprego ao 57% da poboación activa. A superficie cultivada (33%) é insuficiente para a densa poboación do país. O cultivo comercial principal é o café, seguido de bananas, cana de azucre, cacao, cánabo, cacahuetes, sésamo, cítricos, algodón e tabaco, pero son máis extensos os cultivos de subsistencia (millo, arroz, sorgo, tubérculos, legumes e froita). No val do Artibonite hai unhas 30.000 plantacións dedicadas ao arroz, explotadas por cooperativas de agricultores. O resto repártese en minifundios e latifundios de compañías estranxeiras, sobre todo estadounidenses. A gandería, sobre todo equina, é a forza de traballo principal e, a maiores, prodúcese carne bovina e porcina, leite de cabra e de vaca e peles bovinas. Os recursos minerais están practicamente sen explotar, a excepción da bauxita, o cobre e o manganeso, explotados por compañías transnacionais, fundamentalmente de capital estadounidense. A industria ten pouca importancia, pois só proporciona o 20% do PNB e o 9% do emprego; conta con algunhas refinerías de azucre, fábricas de cementos, de cordoería, sisal, aceite de algodón, xabóns e calzado. Os servicios representan o 50% do PNB e o 34% do emprego. O porto principal é Port-au-Prince. Só existe unha liña de ferrocarril, destinada ao transporte de azucre; a rede de estradas ten 4.285 km de lonxitude, dos que 1.011 km están asfaltados. O comercio exterior, moi deficitario (en 1998 importou por valor de 797 millóns de dólares e só exportou por valor de 175), céntrase na exportación de manufacturas libres, como o café e a carne a EE UU e á Unión Europea (Italia, Francia, Bélxica), mentres que importa sobre todo manufacturas de base, maquinaria e material de transporte, alimentos e petróleo de EE UU, Xapón, Canadá e Francia. A poboación haitiana é fundamentalmente rural (64,3% en 2000). As principais cidades son a capital, Port-Au-Prince (990.558 h [1999]), Carrefour (336.222 h [1999]), Delmas (284.079 h [1999]) e Cap-Haïtien (113.555 h [1999]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O 90% da poboación é de orixe africana, mentres que a poboación de orixe europea suma o 1% do total; o 9% restante son mulatos. As linguas oficiais son o francés e o crioulo. O catolicismo é a relixión oficial do estado: practícano o 68,6% dos haitianos. Outras igrexas cristiás reformadas, introducidas fundamentalmente a través de EE UU, teñen como adeptos ao 24% da poboación. Un feito relixioso peculiar e moi intensamente implantado é a concreción de crenzas e rituais ancestrais incorporadas desde África nun sistema máxico de prácticas espirituais, o vodú.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Haití entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 134º posto cun índice do 0,467). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 51 anos para os homes e de 56 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 49,8% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 52%; e o PNB por habitante (PPA) é de 460 $ EE UU.
Goberno e política
Segundo a constitución aprobada por referendo o 20 de marzo de 1987, o poder executivo reside no xefe do estado e presidente, elixido para un período de cinco anos. O presidente elixe o primeiro ministro e xefe do goberno. O poder lexislativo reside na Assemblée Nationale bicameral formada polo Sénat, ou cámara alta, integrada por 27 membros, elixidos por votación popular, para un período de 6 anos e renovado por tercios cada dous anos; e a cámara baixa ou Chambre des Députés, integrada por 87 membros elixidos para un período de catro anos. O poder xudicial, presidido pola Corte Suprema ou Corte de Apelación, conta ademais cun tribunal de casación e outros tribunais menores de apelación e civís. Os principais partidos políticos son: Fanmi Lavalas, constituído en 1997 e controlado polo ex-presidente Jean Bertrand Aristide; Organisation du Peuple en Lutte (OPL), dirixido por Gérard Pierre Charles; e Parti National Progressiste Révolutionnaire (PANPRA). A oposición agrúpase na Convergence Démocratique, creada para dar saída legal ás denuncias de fraude nas eleccións lexislativas do 21 de maio de 2000. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: OAS, ONU e é membro asociado da UE.
Historia
A colonización española
Poboada por indios arauacas, tralo seu descubrimento (1492) emprendeuse a colonización e a evanxelización da illa, dirixida polos monxes da orde dominicana, que lle deron o nome do seu patrón, Santo Domingo. A rápida extinción dos seus habitantes orixinais e a explotación de cultivos como a cana de azucre, espertou o interese dos imperios coloniais europeos que se disputaron a illa durante o s XVII. Polo Tratado de Ryswick (1697), España tivo que lle ceder a Francia a parte occidental da illa.
O dominio francés
Francia introduciu ao redor de 20.000 escravos africanos por ano para desenvolver a economía da colonia ao redor da produción de azucre e café. Cara a 1789, o número de escravos negros ascendía a 480.000, mentres que os brancos, donos da terra, formaban unha minoría de 20.000 habitantes. A influencia do movemento revolucionario que se iniciara na metrópole, levou os haitianos a sublevarse contra os franceses liderados por Pierre Toussaint L’Ouvertur (1791). A chegada de tropas francesas en 1802 esmagou a revolta pero unha nova rebelión dirixida por Jean-Jacques Dessalines culminou coa independencia (1804).
A independencia
Dessalines consolidou o seu poder e proclamouse emperador co nome de Xacobe I, pero foi asasinado en 1806 despois de restablecer a escravitude. En 1811 a parte N de Haití foi dominada por Henri Christophe (Enrique I de Haití), mentres que no S Alexandre Sabès Pétion estableceu unha república. O sucesor de Pétion, Jean Pierre Boyer, dominou toda a illa en 1820. Unha revolución liderada polos crioulos de Santo Domingo dividiu a illa en dous Estados independentes, a República de Santo Domingo no oriente e a República de Haití no occidente (1843). Na segunda metade do s XIX producíronse duros enfrontamentos entre negros e mulatos para facerse co poder político. A comezos de 1859 Nicolas Fabre Geffrard restaurou o goberno republicano e permaneceu no poder ata 1867. Malia a inestabilidade, chegaron capitais estranxeiros que se investiron na construción de portos, ferrocarrís e na compra de plantacións. Tralo goberno de Fabre Geffrard produciuse unha guerra civil que se prolongou nun período de inestabilidade política e crise económica ata comezos do s XX.
A tutela de EE UU
EE UU substituíu a Francia como potencia desde 1910 e despois do asasinato do presidente Vilbrum Guillaume Sam (1915) restableceron a orde e reprimiron os movementos campesiños. Despois dun acordo co Senado de EE UU (1916), o presidente Philippe Sudre Dartiguenave (1915-1922) recibiu axuda económica e política que se prolongou ata 1934, pero a hostilidade haitiana cara ás interferencias exteriores manifestouse en sublevacións periódicas. As consecuencias económicas da depresión mundial manifestáronse durante o goberno semiditatorial de Stenio J. Vincent (1930-1939). Sucedeuno Élie Lescot, que apoiou a EE UU durante a Segunda Guerra Mundial, pero os problemas políticos e económicos que afectaron ao país trala guerra levaron á súa expulsión en xaneiro de 1946 e Dumarsais Estimé foi nomeado presidente o 16 de agosto. En 1949 os revolucionarios haitianos xunto co goberno dominicano precipitaron unha crise nacional, que provocou a dimisión de Estimé en maio de 1950. Nas eleccións de outubro dese ano saíu vencedor Paul E. Magloire, que tentou atraer o investimento estranxeiro.
A ditadura dos Duvalier e a volta á democracia
Ó final do mandato de Magloire deuse un período de incerteza política ata que en setembro de 1957 foi elixido presidente François Duvalier, coñecido como Papa Doc, que instaurou un goberno ditatorial. Para evitar complots militares reduciu o peso do exército e substituíuno por unha forza paramilitar, os tonton macoutes que eliminaban os seus adversarios. Á súa morte (1971) sucedeuno o seu fillo Jean-Claude Duvalier, que prolongou a ditadura. En 1986 as revoltas populares e a retirada do apoio estadounidense obrigárono a fuxir de Haití, e unha xunta cívico militar, encabezada polo xeneral Henry Namphy, asumiu o poder e promoveu tímidas reformas. En 1987 aprobouse unha nova Constitución e iniciouse un proceso electoral marcado pola fraude, a violencia e as intervención dos militares.
O primeiro goberno de Jean-Bertrand Aristide
Nas presidenciais de decembro de 1990, venceu o ex-sacerdote Jean-Bertrand Aristide que emprendeu entre outras medidas a reforma do exército e a petición de extradición de Duvalier. Estas propostas crearon malestar nalgúns sectores e foi víctima dun golpe de estado en setembro de 1991. Aristide fuxiu a Venezuela e constituíuse un novo goberno presidido por Joseph Nette, e en xuño de 1992 foi nomeado primeiro ministro Marc Bazin. O novo goberno enfrontouse ao bloqueo comercial aprobado pola OEA, e as sancións de EE UU e a ONU, mentres apareceu unha nova forza paramilitar, a Front pour l’Avancement et le Progrès d’Haiti (FRAPH) que eliminou os partidarios de Aristide. A resistencia dos militares quebrouse trala intervención militar de EE UU, autorizada pola ONU, en setembro de 1994. O presidente Aristide regresou ao país co apoio de EE UU, pero tivo que aceptar un pacto que limitaba a súa marxe de decisión. O novo goberno asumiu as políticas neoliberais do FMI e respectou a posición das súas elites, pero reiniciou a reforma do exército. En decembro de 1995 o presidente Aristide abandonou o cargo, fronte a negativa internacional de impedirlle prolongar o seu mandato polos anos de exilio, e accedeu ao poder René Préval.
A inestabilidade política
A mellora nos indicadores económicos, cunha redución da inflación, non se reflectiu na vida cotiá e convocáronse varias folgas xerais como mostra do descontento social. A polémica polos resultados da primeira rolda das eleccións lexislativas en abril de 1997 levaron os grupos da oposición, liderados pola OPL, a rexeitar frontalmente a Preval e os seus candidatos a primeiro ministro. En decembro de 1998 accedeu á xefatura do goberno Jacques Édouard Alexis, que formou un novo goberno por decreto en marzo de 1999 no que incluíu elementos próximos a Préval e membros de varios partidos menores. Nas eleccións lexislativas celebradas entre xuño e xullo de 2000 o partido da Fanmi Lavalas, presidido por J. B. Aristide, acadou a maioría, malia que as eleccións foron denunciadas polos observadores internacionais.
A volta de Jean-Bertrand Aristide e a súa marcha en 2004
O antigo presidente J. B. Aristide foi reelixido nas presidenciais de 2000 e tomou posesión en febreiro do 2001 pero a oposición, agrupada ao redor da CD, non o recoñeceu. O conflito político xerou un clima de incerteza e tensión social que se agravou polas manifestacións e actos de violencia na rúa protagonizados polos partidarios de Aristide e polos grupos de opositores. Neste ambiente produciuse un intento de golpe de estado contra o presidente Aristide o 17 de decembro de 2001 que foi sufocado.En setembro de 2003 o enfrontamento entre o goberno e a oposición aumentou co asasinato de Amiot Metayer, xefe do Exército Caníbal e antigo aliado de Aristide. Nos meses seguintes continuaron os actos violentos e a comezos de 2004 a oposición negouse a negociar co presidente. Iniciouse un enfrontamento bélico e a Fronte de Resistencia Anti Aristide comezou a súa expansión polo país ata cercar Port-au-Prince e o 29 de febreiro Aristide renunciou á presidencia e marchou ao exilio. O presidente da Corte Suprema, Boniface Alexandre, asumiu a presidencia interina da república e a ONU acordou o envío dunha forza de paz para restablecer a orde no país.