Hamburgo

Hamburgo

Capital do land de Hamburgo, Alemaña, no fondo do esteiro de Elba (1.704.735 h [estim 2000]). Centro comercial e administrativo, o seu porto é un foco de comercio intercontinental, sobre todo con Europa Occidental, que o converteu no terceiro núcleo industrial de Alemaña, con industria moi diversificada: petroquímica, refinería de gas, metalurxia de estaño e de cobre, construcións navais, produtos químicos, fibras artificiais, caucho, industria alimentaria e elaboración de tabaco. Os sectores industriais sitúanse cerca do Elba, en Altona, Othmarscher, Blankenese, Hamburgo e Wandsbeck. Xurdiu en 808 ao redor da fortaleza carolinxia de Alster, que foi devastada por daneses e eslavos entre os ss IX e XI e dominada polos duques de Holstein desde finais do 1189. Consolidada como porto exportador da Hansa, recibiu un gran pulo comercial trala independencia de EE UU, cando se creou unha liña de navegación directa con este país. En 1815 ingresou como cidade libre na Confederación Xermánica e en 1871 integrouse no Imperio Alemán. Durante a Segunda Guerra Mundial, construíuse nela a maioría da flota submarina do Terceiro Reich, polo que foi bombardeada polos aliados en numerosas ocasións. Do seu patrimonio cultural destacan Jacobikirche (ss XIV-XV) e Michaelskirche (s XVIII).