haxiografía
(< haxio- + -grafía)
-
s
f
[RELIX]
Biografía dun santo. Adoita incluír os feitos excepcionais da súa vida, ás veces detalles do seu martirio e os milagres que manifestan a súa santidade. Varían segundo as intencións do autor, do xénero literario ou dos fins que se perseguen (lectura privada, panexíricos, uso oficial, litúrxico, etc). Os primeiros documentos haxiográficos datan do s II e son actas de mártires. No s IV comezaron a aparecer vidas de confesores e ascetas. A partir do s VIII aparecen abondosos textos haxiográficos na Península Ibérica, como Vita S. Rudesindi, de Ordoño, monxe de Celanova no momento de intensificación do culto de san Rosendo -que culmina coa súa canonización (1172)-, que tiña como fin a procura de prestixio para un mosterio que o bispo e Dumio fundara en vida (907-977). Na práctica litúrxica escribíanse as vidas dos santos do día, que se reuniron nos leccionarios, menoloxios e sinaxarios; tamén se recollen na Legenda Aurea de Iacobo da Varazze (s XIII) ou no Martiroloxio romano (1586). A crítica moderna da haxiografía ten como precedentes desde o s XVII a Jean Bolland e aos seus adeptos; os bolandistas revisaron a masa documental haxiográfica que estaba moi contaminada con elementos tirados da devoción popular e comezaron a publicar a partir de 1670 os Acta Sactorum, continuados nos Anallecta Bollandiana. Tralo Concilio Vaticano II (1969) o santoral oficial sufriu unha revisión, que en moitos casos refrendou as propostas dos bolandistas, e suprimiu do culto santos que creara a tradición pero que non existiran na realidade ou alomenos do mesmo xeito ca como se describían nos tratados haxiográficos tradicionais.
-
s
m
Composición laudatoria sobre alguén.