Haydn, Franz Joseph

Haydn, Franz Joseph

Compositor. Gracias a amizades do mundo musical vienés (Gluck, Metastasio e o seu mestre N. Porpora) foi aceptado como director da orquestra privada do conde Morzin (1759-1761), para a que escribiu as primeiras sinfonías. Cando se desfixo a orquestra, pasou ao servizo de Pál Antal Esterházy de Galántha (1761) e, ao ano seguinte, ao do seu irmán e herdeiro Miklós Jószaf, que o nomeou kapellmeister (1766) da súa orquestra privada, unha das mellores de Europa. Isto permitiulle compoñer obras de dimensións pouco usuais na época e óperas. Tamén compuxo música eclesiástica, como o Stabat Mater (1767) e a Missa Sanctae Ceciliae (1773). Especialmente importante é o gran número de sinfonías deste período, nas que se quixo ver o antecedente do movemento Sturm und Drang. Os cuartetos de corda acadaron xa cos do opus 20 un alto grao de perfección, ata o punto de que se ben non foi o creador do cuarteto, si un dos seus máximos impulsores. Convidado por J. P. Salomon, foi dúas veces a Londres, onde logrou unha inmensa popularidade coas doce “sinfonías londinenses”. Ao volver a Viena en 1792 pasou por Bonn, onde coñeceu a Beethoven e o aceptou como discípulo. Haydn reduciu a súa actividade, centrada nesa época nunha misa anual. Acadou a cima da súa produción vogal cos oratorios Die Schöpfung (A creación, 1798) e Die Jahreszeiten (As estacións, 1801). Compuxo tamén concertos, sonatas para piano e outras formas de música de cámara, especialmente tercetos con piano. Haydn representa o nexo entre o final do barroco musical e o prerromanticismo. A súa contribución a fixar a forma definitiva da sinfonía clásica, do cuarteto de corda e o equilibrio das súas construcións sonoras fan del, xunto con Mozart, unha figura clave do clasicismo musical.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Rohrau, Baixa Austria

  • Deceso

    Lugar : Viena