Hefesto
Hefesto
[MIT]
Deus do lume, fillo de Zeus e Hera. Era tamén o deus dos metais e forxaba armas e máquinas para os deuses e os heroes. No grupo dos grandes deuses olímpicos, é o señor do elemento ígneo, amais dos metais e da metalurxia. Reina sobre os volcáns e traballa nos talleres xunto aos cíclopes. A petición de Tetis, forxou as armas de Aquiles e tamén moldeu con barro o corpo de Pandora. A Ilíada dá dúas versións que explican a súa coxeira, producida cando foi expulsado do Olimpo por Zeus ou pola súa nai. Malia as súas eivas físicas, tivo mulleres tan belas, coma Cárite ou Afrodita. Entre os fillos que a tradición lle atribúe figuran o argonauta Palemón e o escultor Árdalo. Identifícase co deus romano Vulcano.