hélice
(
-
s
f
[TECNOL]
Órgano mecánico constituído por unha ou máis pas de formas diversas, fixadas radialmente a un eixe motor, e que está destinado a converter, en interacción cun fluído, a forza mecánica de rotación en forza de translación no sentido do seu eixe. Defínese o paso da hélice como a distancia percorrida, no sentido do movemento, por cada punto da hélice a cada volta completa; este pode ser fixo ou variable (neste último caso as pas son orientables). A aplicación máis importante da hélice está na propulsión das aeronaves e dos barcos. Nas naves as pas das hélices xiran ao redor do eixe dunha árbore de transmisión case horizontal. Están dispostas segundo un determinado ángulo de incidencia respecto da agua, de maneira que impulsan a nave cara a adiante cun movemento semellante ao dun parafuso; completamente somerxidas e non suxeitas á influencia das ondas e dos movementos da nave, proporciona un empuxe regular en todas as circunstancias. No caso das aeronaves, as pas son estreitas e alongadas, en número de dúas, tres ou catro, e son xeometricamente asimilables a unha á cunha certa curvatura de xeito que a velocidade relativa respecto do aire sexa igual en todos os puntos. A hélice como sistema de tracción das aeronaves ten o inconveniente de diminuír o rendemento ao aumentar a velocidade de rotación, pero permite unha freada mellor cós sistemas de retroacción. As hélices mariñas poden ter de dúas a seis pas (normalmente teñen tres ou catro) -construídas con fundición ou aliaxes de bronce e de aceiro inoxidable- segundo o tipo de embarcación ao que vaian destinadas. Neste caso cómpre ter presente o fenómeno da cavitación que, en caso de se presentar, produce un mal funcionamento da hélice. Empréganse, ás veces, as hélices carenadas, que funcionan no interior dun cilindro de pouca altura e que evita as turbulencias do extremo das pas ao tempo que mellora o rendemento da hélice. En certos casos utilízanse, tamén, as hélices dobres, que xiran en sentidos contrarios arredor dun mesmo eixe; este dispositivo permite diminuír o diámetro das hélices e evitar a acción do momento de rotación. As naves grandes adoitan ter dúas hélices, ou mesmo catro, que aumentan a velocidade e manobrabilidade. Os transbordadores van provistos dun conxunto de hélices a cada extremo co que se elimina a necesidade de ter que virar para inverter a dirección de navegación.
-
s
f
[ANAT]
Pregamento semicircular que limita o pavillón da orella por diante, por arriba e por detrás.
-
s
f
[MAT]
Curva dobrada de tal xeito que a tanxente forma un ángulo constante cunha recta fixa, chamada eixe. A máis coñecida é a hélice circular, que se obtén ao combinar un movemento circular uniforme arredor dun eixe cun movemento uniforme paralelo ao eixe.
-
s
f
[ARQUIT]
Voluta do capitel corintio.
-
hélice-
[BIOQ]
α
-
modelo da dobre hélice
[BIOL]
Modelo que trata de explicar a disposición espacial dunha molécula de ácido desoxirribonucléico. Este modelo foi proposto por James D. Watson e Francis H. Crick coa axuda de Maurice Wilkins que lles facilitou, meses antes e sen consentimento da súa compañeira Rosalind Franklin, os logros conseguidos nos seus estudios sobre a difracción dos raios X do DNA. Watson e Crick propuxeron un modelo no que a molécula de DNA se dispón nunha hélice de dúas febras con xiro a dereita. As febras fórmanse pola unión covalente de miles de desoxirribonucleótidos, cada un deles contén un ácido fosfórico, un azucre (desoxirribosa) e unha base nitroxenada. As febras dispóñense de forma antiparalela e únense por pontes de hidróxeno que se establecen de xeito específico entre as bases. A adenina únese mediante dúas pontes de hidróxeno coa timina e a citosina mediante tres á guanina. Na parte externa da hélice altérnanse as moléculas de desoxirribosa e de fosfato, mentres que as bases se proxectan perpendicularmente cara ao interior. En 1962, J. Watson, F. Crick e M. Wilkins recibiron o premio Nobel de Medicina por este descubrimento que se considera o fito con que nace a Bioloxia Molecular e posteriormente a Enxeñería Xenética.